O BNG logra unanimidade en Ponteareas para esixir melloras no transporte do ensino postobrigatorio
O Bloque sinala as dificultades do alumnado do rural ponteareán para poder continuar os seus estudos ao rematar a ESO ou o Bacharelato
O Pleno de Ponteareas aprobou este martes por unanimidade unha proposta do BNG para instar á Xunta a "garantir o acceso ao servizo de transporte público ás e aos estudantes do ensino postobrigatorio e a súa conexión cos centros de ensino de referencia e universidades".
A proposta do Bloque, defendida pola concelleira e deputada no Parlamento Galego Cristina Fernández Davila, solicita tamén "mellorar o servizo de transporte público por estrada no rural, con especial atención ás conexións das vilas como Ponteareas coas cidades e os servizos de referencia”.
Cristina Fernández explicou que "cando unha persoa usuaria do rural dunha vila como Ponteareas quere utilizar o transporte público para moverse ao centro urbano ou a unha cidade, vive unha auténtica odisea, xa que as conexións son escasas e os traxectos teñen unha prolongada duración." A concelleira do BNG concretou que "as mozas e mozos do rural que rematan a ESO ou o Bacharelato e queren seguir cursando os seus estudos, sofren unha gran discriminación por non existir servizo de transporte público que cubra as súas necesidades".
"Non existen liñas, frecuencias ou horarios de transporte público que permitan chegar a calquera punto da comarca ou área metropolitana ata os centros educativos a tempo para as clases lectivas", relatou a concelleira do BNG. Así mesmo, lamentou que "actualmente, o rural galego vive un problema maiúsculo coas súas liñas de transporte público, xa que á perda de calidade nos últimos anos a causa das políticas do PP na Xunta, engadíuselle a eliminación de paradas e traxectos".
"O transporte público debe ser un servizo fundamental que as administracións públicas deben ofrecer á cidadanía, debido ao seu carácter vertebrador, dinamizador e democratizador da sociedade", sinalou Fernández Davila, lembrando tamén a súa importancia como "un dos eixos fundamentais na loita contra o cambio climático, reducindo cada vez máis o uso dos vehículos privados e gañando en calidade ambiental".
“Estas son algunhas das potencialidades dun bo servizo público de transporte, mais para que poidan ser explotadas, é fundamental que as políticas públicas de mobilidade se deseñen en consonancia coas mesmas. Atender cuestións tan importantes como a intermodalidade, é central para conseguir facer que o uso deste servizo sexa útil e atractivo para a poboación”, concluíu Fernández.