O BNG solicita a convocatoria do "Debate sobre o estado do Concello" en Ponteareas

O Bloque reclama que a sesión sexa ás 20:00 horas como as ordinarias
O BNG solicitou formalmente en Ponteareas a convocatoria do Debate sobre o estado do Concello, un pleno extraordinario que segundo o Regulamento Orgánico Municipal se celebrará con carácter anual durante o primeiro trimestre.
“Ante a deriva antidemocrática do goberno de Nava Castro e a dereita, tentando amordazar ao BNG e mesmo impedíndonos o uso da palabra cando nos corresponde nas sesións plenarias, é preciso activar todas as ferramentas democráticas ao noso alcance para favorecer a participación política en Ponteareas”, afirma o Bloque.
Ademais, o BNG reclama que a sesión se realice no horario habitual dos plenos ordinarios na localidade, ás 20:00 horas, para que poida ter a máxima audiencia. “A veciñanza ten dereito a coñecer a situación xeral do Concello, a que se debatan as alternativas políticas á acción do goberno local e que se trasladen as súas necesidades e inquedanzas”, conclúe a formación nacionalista.