O BNG alerta da discriminación ao Club Natación Ponteareas coa modificación do contrato do Complexo Deportivo Álvaro Pino

20240121_nat_ponteareas

O goberno propón a prórroga do contrato á concesionaria tendo en conta as necesidades de todos os clubs agás o CN Ponteareas

O BNG alerta da discriminación ao Club Natación Ponteareas coa modificación do contrato do Complexo Deportivo Álvaro Pino

Ante a proposta do goberno local de modificar o contrato e prorrogar a concesión da xestión do Complexo Deportivo Álvaro Pino, o BNG vén de alertar dos “prexuízos que causará ao Club Natación Ponteareas, ao discriminalo coas condicións propostas”.

A través do seu portavoz, Miguel Bouzó, o BNG explicou que “para prorrogar a concesión, o goberno pretende que o Concello se faga cargo en exclusiva dos pavillóns, que até o de agora xestionaba a concesionaria. Deste xeito, os clubs que adestran nos pavillóns poderán dispor das horas que precisan sen necesidade de alugarllas á concesionaria. Pola contra, a proposta do concelleiro de deportes non ten en conta as necesidades do Club Natación Ponteareas, que precisa máis de 100 horas semanais de rúas da piscina para os seus adestramentos, e o concello só lles recoñece 53”.

Miguel Bouzó desvelou que “durante os vindeiros oito anos –tres restantes para que remate a concesión e unha prórroga de cinco anos- o goberno propón pagarlle á concesionaria case 140.000 euros para ampliar os horarios dos clubs que adestran no pavillón, pero destina 0 euros ás satisfacer as necesidades do Club Natación, que conta con 200 nadadores e nadadoras nas súas filas”.

“Mentres todos e todas en Ponteareas presumimos orgullosas dos grandes logros que obtén o club local de natación, que se converteu nos últimos anos nun dos principais referentes no deporte galego, o goberno de Nava Castro e o seu concelleiro de deportes pretenden prexudicalo discriminándoo con esta proposta de modificación do contrato, limitando así as posibilidades dun club punteiro e dun referente no deporte base”, indicou Bouzó.

O portavoz do Bloque sinalou que “traballaremos para que o goberno recapacite, escoite e entenda as necesidades do Club Natación Ponteareas e chegue a un acordo que garanta a satisfacción das necesidades reais do Complexo Deportivo”.

O BNG alerta da discriminación ao Club Natación Ponteareas coa modificación do contrato do Complexo Deportivo Álvaro Pino