O BNG reforza a súa dirección en Ponteareas co obxectivo posto nas municipais de 2027

Xabier Prado é o novo responsábel local da formación e incorpora no seu equipo á exconcelleira Verónica Carrera e á deputada Cristina Fernández
O BNG concluíu en Ponteareas o proceso de renovación dos seus órganos de dirección tras a Asemblea Nacional da organización, elixindo a Xabier Prado como responsábel local.
A nova dirección márcase como obxectivo “continuar reforzando e actualizando o proxecto do Bloque dende o diálogo e o intercambio de propostas co conxunto da sociedade ponteareá, para acadar a confianza da veciñanza e no 2027 ofrecer a Ponteareas un goberno eficaz, competente e ao servizo das persoas”.
Prado destacou que a nova dirección, da que tamén forma parte a concelleira e deputada no Parlamento Galego Cristina Fernández, está conformada por un equipo que combina novas incorporacións con persoas con grande experiencia organizativa e política, destacando a exconcelleira Verónica Carrera, que asume a responsabilidade de Organización na nova etapa. O Consello Local –como se denomina o órgano de dirección- complétano Noa González, Hugo Domínguez, Marcos Groba e o concelleiro Xosé Carlos Vázquez, sumándose as demais concelleiras e concelleiros e a persoa designada pola organización xuvenil, Galiza Nova.
Ademais destas persoas, que asumen áreas de responsabilidade no Consello Local, Raúl Rocha, Diana Bernárdez, Diego Rodríguez, Paco Vázquez, Teresa Rodríguez, Suso Represas e a concelleira Verónica Bargiela completan a candidatura coa que Xabier Prado acadou o respaldo da militancia nacionalista nunha Asemblea Local.
Tras a súa elección, Prado amosouse “ilusionado, motivado e con enerxía para afrontar o traballo organizativo e fortalecer e expandir o proxecto dun BNG que é a alternativa de goberno en Ponteareas e que, baixo o liderado de Ana Pontón, devolveu ás galegas e galegos a esperanza do cambio político neste país”.
Nesa liña, o Bloque mantivo xa encontros con máis dun cento de militantes e simpatizantes, unha rolda que culminará nas vindeiras semanas co obxectivo de activar á súa base social “ante a desfeita dun goberno municipal que se centra na propaganda e os caprichos e esquece as necesidades reais da veciñanza”.
A continuación, segundo indicou Prado, o Bloque iniciará unha serie de actos abertos a toda a veciñanza, “para dar a coñecer as consecuencias da desfeita do goberno de Nava Castro e a dereita e socializar a nosa alternativa en cuestións necesarias como a mellora de infraestruturas e servizos básicos, a promoción do benestar social, o desenvolvemento económico e o emprego, o fomento da cultura e o deporte e o deseño dunha Ponteareas saudable e para as persoas”.