Ponteareas rehabilitará a Residencia grazas aos fondos logrados polo BNG no 2023

Proxecto rehbilitación Residencia
Proxecto rehbilitación Residencia
O BNG lograra financiamento para o proxecto de máis dun millón de euros, pero o goberno de Castro reduciuno a 800.000 eliminando parte das accións
Ponteareas rehabilitará a Residencia grazas aos fondos logrados polo BNG no 2023

O BNG amosou a súa satisfacción pola adxudicación das obras de rehabilitación da Residencia de Maiores de Ponteareas. A través da concelleira Eva Gil, o Bloque lembrou que “este proxecto será realidade grazas ao traballo do BNG no pasado mandato, logrando financiamento para un proxecto superior ao millón de euros”.

A concelleira do BNG lamenta que o goberno de Castro decidise “recortar o proxecto a 800.000 euros e reducilo a un lavado de cara e mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade, sen aproveitar a ocasión para actuar na reforma interior do edificio”, tal como proxectara o Bloque. “Dado que é un edificio antigo, elaboraramos un proxecto para a súa rehabilitación integral, actuando sobre a eficiencia enerxética, a calidade espacial, a funcionalidade, a accesibilidade e o confort para as persoas usuarias e traballadoras, pero o PP e a dereita, instalados na propaganda e na mentira, intentan enganar á veciñanza facendo crer que é unha iniciativa súa e ocultando que se trata da redución das accións previstas nun proxecto que atoparon”, censura a edil.

undefined

Eva Gil destacou que, precisamente, o enfoque integral do proxecto elaborado polo goberno do BNG foi o que o converteu “nun dos 15 seleccionados en toda Galiza entre as máis de mil iniciativas presentadas en todo o Estado para recibir os fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local)”. Neste sentido, considerou que o tripartito da dereita “vive das rendas do traballo rigoroso do anterior goberno. Cando o BNG chegou ao goberno en 2015, atopou millóns de euros en débedas e unha administración paralizada. Pola contra, o PP atopou numerosos proxectos, varios deles en marcha, e unha gran cantidade de fondos externos logrados polo Bloque para poder executalos.”

A concelleira do BNG lembrou que o proxecto co que conseguiran a subvención foi elaborado tendo en conta as achegas da veciñanza nos procesos participativos, “pero o goberno de Castro e a dereita desprezan a opinión das veciñas e veciños e actúan unilateralmente pensando na propaganda”. Así mesmo, adiantou que o BNG preguntará polos motivos do atraso no inicio das obras, dado que a adxudicación das mesmas foi proposta hai xa 7 meses pola mesa de contratación e tendo en conta que o Concello recibiu o financiamento no 2023 para realizalas.

“Cunha poboación cada vez máis envellecida, faise máis necesario que nunca que as administracións realicen investimentos para garantir que as e os nosos maiores afronten a última etapa da súa vida nun espazo máis confortábel e cunha habitabilidade digna”, relata Gil, engadindo que “fronte á propaganda do PP e a dereita, no BNG, como alternativa de goberno, temos clara a nosa aposta por unha Ponteareas na que o benestar das persoas maiores sexa unha prioridade”, concluíu.

Ponteareas rehabilitará a Residencia grazas aos fondos logrados polo BNG no 2023