O BNG proporá ao Pleno de Ponteareas posicionarse contra a bomba ambiental de Altri

O BNG presentou unha moción de urxencia para o seu debate no Pleno deste martes propondo á Corporación Municipal posicionarse contra a instalación da macrocelulosa de Altri no corazón de Galiza.
Para o BNG, a instalación desta macrofactoría de pasta de celulosa supón “unha bomba ambiental con diversas repercusións negativas para todo o país, pondo en risco os postos de traballo de xente que vive do mar e da terra, así como o desenvolvemento económico de Galiza”.
“A Xunta de Galiza do PP vén de outorgarlle a este proxecto a autorización de impacto ambiental, consumando así unha traizón a Galiza sen precedentes, poñendo por diante dos intereses da sociedade galega os seus intereses propios e os dunha empresa portuguesa da que, ademais, é socia unha ex conselleira do PP”, denuncia o Bloque.
Por iso, o BNG sinala que é agora cando máis cómpre que o conxunto da sociedade galega reitere o seu rexeitamento rotundo a un proxecto “que atenta de forma clara contra a saúde e o futuro de miles de galegas e galegos”, e propón tamén na iniciativa que a Corporación condene a actuación da Xunta neste proceso.