O BNG resume en “propaganda e caprichos” a acción de goberno no Debate de Ponteareas

“Detrás da propaganda, hai un goberno que vive de rendas, recollendo os froitos da xestión do BNG”
O BNG valorou o Debate do estado do Concello de Ponteareas como “unha nova mostra da propaganda do goberno de Castro e a dereita”. O portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, sinalou que “mentres o tripartito sobe impostos para destinar o diñeiro a caprichos da alcaldesa, a propaganda ou a beneficiar empresas amigas, deixan a un lado as necesidades da veciñanza e teñen que acudir a préstamos para poder executar incluso pequenos investimentos”.
Miguel Bouzó criticou que “detrás da propaganda, hai un goberno que vive de rendas, recollendo os froitos da xestión do anterior goberno liderado polo BNG. Falan de equipamentos como a nova escola infantil ou a ludoteca, pero se hoxe poden estar facendo propaganda deses investimentos é grazas á aprobación do Plan Urbanístico, en vigor dende o 2021 grazas á xestión responsábel e eficaz do Bloque”, afirmou.
O portavoz nacionalista evidenciou que o Plan Urbanístico activa a economía, xera emprego e pon fin á inseguridade xurídica de comercios e industria, garantindo tamén a continuidade dos postos de traballo do persoal da superficie comercial de Angoares, “que se non fose pola aprobación tería que derrubarse a causa da licenza outorgada ilegalmente en 2002 polo goberno dos dous de sempre”, indicou Bouzó, en referencia a Nava Castro e Juan Carlos González Carrera, que xa lideraban o goberno entón.
“Son os dous de sempre, os que formaron parte dos sucesivos gobernos da dereita durante décadas e os culpables do desastre urbanístico de Ponteareas. Por se fose pouco coa desfeita, unha vez que o BNG aprobou o Plan, González Carrera acudiu á Xustiza con promotores inmobiliarios coa intención de destruír o documento aprobado polo BNG. Os causantes do caos urbanístico pretendían continuar prexudicando os intereses xerais para salvagardar os beneficios duns poucos amigotes, pero a Xustiza rexeitou os seus recursos e avalou o Plan, deixando claro que o actual tenente de alcaldesa mentiu e tentou enganar á veciñanza e danar ao BNG”, lembra Bouzó.
Por outra banda, ante a convocatoria do Pleno ás 8 da mañá, Bouzó afirmou que “por moito que Nava Castro intente ocultar o debate, no BNG deixámoslle claro que non nos van calar. Continuaremos destapando os chanchullos, as irregularidades e a nefasta xestión dun goberno de retroceso que supuxo un freo aos avances e logros dos últimos anos da man do BNG”, afirmou Bouzó.
“Fronte á desfeita da dereita, no BNG seguiremos traballando para dar solución ás necesidades da veciñanza, co obxectivo de construír unha Ponteareas mellor, dende o optimismo man a man coas veciñas e veciños”, concluíu o portavoz do Bloque.