Once propiedades solicitaron axudas para a rehabilitación de edificios grazas á xestión do BNG
O Bloque congratulouse de que a veciñanza siga beneficiándose do seu traballo no goberno e poida recibir millóns de euros en axudas para a rehabilitación de edificios
O BNG amosou a súa satisfacción tras coñecer os datos publicados pola administración local que indican que once propiedades do centro urbano de Ponteareas xa solicitaron axudas para a rehabilitación de edificios ao abeiro da Area de Rehabilitación Integral, e que tres delas xa foron concedidas.
“Grazas a xestión do goberno liderado polo BNG, Ponteareas logrou no 2021 a declaración de Área de Rehabilitación Integral (ARI) de ámbito urbano da zona vella de Ponteareas, co obxectivo de dinamizar o núcleo histórico da vila para mellorar a calidade de vida das persoas, recuperando espazos tanto públicos como privados”, sinalou o Bloque.
Ademais o BNG sinalou que “coa recuperación urbanística do núcleo histórico, lógrase dinamizar unha zona degradada e aumentar a potencialidade deste espazo, permitindo atraer novos negocios e fomentando a creación de emprego”.
A formación nacionalista lembra que a Área de Rehabilitación Integral de Ponteareas, solicitada tras aprobalo en Pleno no 2020 por todos os grupos políticos a excepción de ACIP, agora no goberno, “poderá beneficiar a un total de 518 vivendas, divididas en 74 edificios residenciais e 133 vivendas unifamiliares nunha zona de case 93.000 metros cadrados. Esta área foi organizada en torno ás dúas prazas céntricas da vila, sumando as rúas da contorna da zona vella coas edificacións máis deterioradas.
O Bloque congratulouse de que a veciñanza “poida seguir beneficiándose do traballo que levou a cabo dende goberno, que permitirá obter varios millóns de euros en axudas públicas para rehabilitar propiedades da zona vella de Ponteareas”. Así, en canto aos anuncios do goberno local, o BNG considerou que o tripartito de Nava Castro “vive das rendas do traballo rigoroso do anterior goberno e da planificación para acadar grandes logros para Ponteareas. Cando o BNG chegou ao goberno en 2015, atopou millóns de euros en débedas e unha administración paralizada. Pola contra, o PP atopou numerosos proxectos, varios deles en marcha, e unha gran cantidade de fondos externos logrados polo Bloque para poder executalos.”