O BNG reivindica un ximnasio, comedor e máis profesorado no CEIP Feliciano Barrera de Guláns

“O propietario do terreo contiguo está disposto a vendelo, pero o PP paralizou o proceso iniciado polo BNG”

O BNG reivindica un ximnasio, comedor e máis profesorado no CEIP Feliciano Barrera de Guláns

O Pleno ordinario de Ponteareas, que se celebrará este martes 25, debaterá unha iniciativa do BNG para dotar de ximnasio o CEIP Feliciano Barrera de Guláns e instar á Xunta a que complete o profesorado especialista para poder dar a atención que precisa o alumnado con necesidades.

Segundo explicou a líder do BNG ponteareán, Cristina Fernández, o Bloque propón ampliar o centro educativo para poder contar coas instalacións de ximnasio, sala de usos múltiples e comedor escolar que complete os servizos que debe prestar un centro educativo público ao alumnado e ás súas familias.

 

Fernández lembra que, cando o BNG tivo responsabilidades de goberno en Ponteareas, negociou co propietario dos terreos contiguos a súa compra para poder realizar a construción dunha edificación anexa que posibilitara engadir estes servizos. “Pero o PP, dende a súa chegada ao goberno, paralizou este proceso”, denuncian, “a pesar de ser unha demanda considerada prioritaria pola totalidade dos colectivos sociais da parroquia de Guláns e de que o propietario dos terreos continúa disposto a vendelos para este fin”.

Encontro colectivos Guláns ximnasio

No relativo á necesidade de profesorado, Fernández Davila sinalou que “en torno ao 40% do alumnado deste centro atópase en situación de vulnerabilidade, e 3 de cada 10 alumnos e alumnas presentan necesidades educativas específicas. Con todo, hai alumnado que viu demorado o proceso de identificación das súas necesidades, dado que o centro non dispón de Orientadora a tempo completo que poida dar a atención debida a este alumnado e completar unha valoración que permita darlle a tempo os apoios e reforzos que precisan”, lamentou Cristina Fernández.

A concelleira e deputada do BNG engadiu que “este curso o CEIP Feliciano Barrera dispón dunha especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) que comparte horas coa responsabilidade de secretaría e unha especialista de Audición e Linguaxe (AL) compartida con outro centro. Estes recursos son claramente insuficientes para poder atender a tan alto número de nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo e necesidades educativas especiais”

Por último, o BNG insta á Xunta a realizar no CEIP Feliciano Barrera as obras necesarias de eficiencia enerxética, actualización de interiores, accesibilidade e unha nova calefacción máis eficaz e sostible, tendo en conta que se trata dunhas instalacións de case 70 anos”, concluíu Cristina Fernández.

Encontro con colectivos ante o colexio de Guláns
Encontro con colectivos ante o colexio de Guláns
O BNG reivindica un ximnasio, comedor e máis profesorado no CEIP Feliciano Barrera de Guláns