Satisfacción do BNG ante a posta en marcha da depuradora de Ponteareas

O BNG logrou os 14 millóns de euros na súa etapa á fronte do goberno
O BNG amosou a súa satisfacción pola posta en marcha da depuradora da Moscadeira, considerando que se trata dunhas obras “imprescindibles para solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas: a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural”. Así, reivindicou que “o traballo do BNG á fronte do goberno de Ponteareas continúa dando os seus froitos con logros transcendentais para as veciñas e veciños”
Con estas declaracións, o Bloque refírese ao investimento de 14 millóns de euros nesta infraestrutura grazas ao convenio asinado entre o Concello, a Xunta e o Estado sendo alcaldesa a nacionalista Cristina Fernández, que permitiu iniciar en 2023 o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal.
“As negociacións co Estado para acadar este grande investimento xa foran iniciadas por Xosé Represas, e tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións, o goberno do BNG logrou o compromiso doutras dúas administracións, nun exemplo de entendemento en beneficio de Ponteareas. Esa capacidade de xestión permitiu que puideramos acometer unha obra cun investimento millonario que nunca estaría ao alcance do Concello”.
O BNG explicou que a execución destas obras permitirá ampliar a capacidade de tratamento a 20.000 persoas e rematar así con vertidos e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias. “O actual goberno podía estar realizando obras de saneamento no rural, porque atoparon a ampliación da depuradora en marcha e proxectos elaborados, pero o tripartito prefire destinar o diñeiro de todas e todos a caprichos, propaganda, e promesas para enganar á veciñanza en vez de resolver as necesidades de Ponteareas”, denuncian dende o Bloque.
“Nava Castro prometeu que en dous anos todas as parroquias xa terían saneamento. Quédanlle dous meses e non foron capaces de executar nin un só metro” ,concluíu o BNG.