Regreso ao pasado na mobilidade de Ponteareas

WhatsApp Image 2023-07-11 at 13.35.18

O PP volve ao pasado eliminando bancos, xardineiras e itinerarios peonís para que os vehículos volvan invadir o espazo público do centro urbano

Regreso ao pasado na mobilidade de Ponteareas

Unha das principais liñas de acción do goberno do BNG foi a recuperación do espazo público para as persoas e a nova mobilidade. Ponteareas estábase convertendo nun concello exemplar nesta materia, coñecido e visitado por especialistas, técnicos ou representantes doutras institucións e convidado a foros noutros lugares e países que valoraban as nosas políticas como exemplares e modélicas.

Invertemos as prioridades e puxemos ás persoas no centro da acción para recuperar o espazo público dende todas as perspectivas. O noso obxectivo foi aumentar a calidade de vida transformando Ponteareas nun concello confortable, saudable e accesible para toda a poboación, na vangarda contra o cambio climático, dende o diálogo coa sociedade e con outras institucións. Esta recuperación tivo como prioridade garantir o dereito das persoas maiores, da infancia, da mocidade e das persoas con mobilidade reducida a gozar do espazo que é de todas e todos e socializar para gañar a súa autonomía.

undefinedA recuperación do espazo público contribúe a que cada vez teñamos unha vila máis dinámica e máis viva, con máis actividades culturais ou de lecer, porque o espazo público é o mellor espazo para gozar de eventos ao aire libre, que dinamizan o comercio e hostalaría local. Crear rúas e prazas confortables e atractivas potencia o comercio local, que funciona mellor cando por diante das portas pasan persoas en lugar de coches.

O modelo do BNG quedou claro coa nosa acción de goberno nos últimos anos: recuperar o espazo público para aumentar a calidade de vida en Ponteareas e convertela nun concello confortable, saudable e accesible para toda a poboación. Fixémolo en base a datos e estudos, co asesoramento técnico de profesionais da mobilidade e dende a planificación: pondo en marcha a estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudábel” e desenvolvendo instrumentos de planificación como o Estudo de Mobilidade, o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible, o Plan de Accesibilidade, o Plan Xeral de Ordenación Municipal e a Ordenanza Reguladora da Mobilidade Amábel e da Utilización dos Espazos Públicos en Ponteareas. Grazas a esa planificación, logramos captar recursos e investimentos doutras administracións que avalaron a nosa acción.

Proxecto rúa Vidales Tomé
Proxecto aprobado para a rúa Vidales Tomé

Unha das accións que marcou un antes e un despois para Ponteareas foi a reforma da Praza Bugallal. Onde antes había unha rotonda con 4 carrís (2 de circulación e 2 de aparcamento) e unha pequena praza central, agora hai unha praza útil, gañada para o uso das persoas e o tránsito peonil, permitindo o acceso ao tráfico de necesidade e converténdose nun espazo idóneo para a celebración de eventos e actos públicos. Ademais, conseguimos recursos económicos cos que elaboramos proxectos de humanización das rúas colindantes, como Vidales Tomé ou Morales Hidalgo.

Nestes días, nesas rúas da contorna da Praza Bugallal, estamos vendo como o goberno do PP e Nava Castro están esforzándose para volver ao pasado a toda costa: eliminando actuacións de urbanismo táctico como bancos, xardineiras, eliminando itinerarios peonís, eliminando espazos de estancia para as persoas e actuando con celeridade para que os vehículos volvan invadir o espazo público do centro urbano.

Fronte a un modelo de vila dende a planificación e o traballo rigoroso, agora o PP de Nava Castro pretende actuar sen seguir ningún criterio nin modelo, simplemente coa intención de rachar co modelo do BNG e destruír o traballo realizado polo anterior goberno, volver ao pasado escuro para Ponteareas, ao caos, a recluír a infancia, maiores e persoas con mobilidade reducida e a privar ás persoas do espazo que lles corresponde.

Unha vila na que as persoas maiores non poden saír da casa porque as beirarrúas son estreitas, non hai bancos nos que descansar e todo está invadido polos coches non é unha vila xusta nin inclusiva. Unha vila na que os nenos e nenas non poden ter autonomía, andar tranquilamente en bicicleta ou en patíns e hai que recluílos en parques infantís non é unha vila xusta nin inclusiva. Unha vila na que unha persoa con mobilidade reducida, cadeira de rodas ou necesidades especiais non ten garantía da súa mobilidade e accesibilidade non é unha vila xusta nin igualitaria.

Dende o BNG non permitiremos que o PP leve Ponteareas ao pasado, non permitiremos que poñan en risco os avances logrados para o benestar da veciñanza nin os recursos e investimentos acadados para o desenvolvemento da vila. Como principal forza da oposición, centraremos os nosos esforzos en garantir que todos os proxectos que tiñamos en marcha se executen para seguir transformando Ponteareas.

undefined

Regreso ao pasado na mobilidade de Ponteareas