Resultado histórico do BNG en Ponteareas: máis de 4.800 votos e unha suba do 60%
O Bloque agradeceu a confianza que os sitúa como alternativa indiscutible ao PP
O BNG acadou este domingo o maior resultado da súa historia nunhas eleccións en Ponteareas. A formación nacionalista situouse como segunda forza política con 4.800 apoios, a menos de 200 votos do Partido Popular. Con respecto ás anteriores eleccións galegas, o aumento do BNG na localidade foi dun 60%, grazas a un incremento de máis de 1.800 votos.
O Bloque agradeceu a confianza das máis de 4.800 persoas que con esperanza e ilusión colleron a papeleta do BNG para abrir un tempo novo na política galega. “Grazas ao seu apoio logramos un resultado histórico que nos coloca como a esperanza de todas as persoas que pensan que Galiza merece moito máis e sitúa ao BNG como alternativa indiscutible ao PP”, afirman.
A formación liderada por Ana Pontón, cuxo obxectivo era provocar o cambio político na Xunta, asegurou compartir "a decepción que hoxe sente unha parte importante da nosa sociedade por non acadar o resultado desexado, pero estamos máis fortes, con máis enerxía e máis preparadas que nunca para darlle a este País o futuro que merece”.
O BNG pide ao PP que se pronuncie ante as publicacións “miserables, machistas e groseiras” dun axente electoral nas redes sociais
Tras os resultados electorais, un axente electoral do PP e Ponteareas verteu en redes sociais comentarios que o Bloque considera “miserables, machistas e groseiros”.
“Putón”, “métete debajo de la cama” ou “vas a comer almohada princesa” foron algunhas das expresións utilizadas por esta persoa vinculada ao Partido Popular, que durante a xornada electoral representou ao seu partido nas mesas electorais e que acompañou á alcaldesa Nava Casto, á candidata do PP Raquel Plana e mesmo ao presidente provincial do Partido Popular, Luís López.
“Pedimos ao PP que se pronuncie e que aclare se respalda este discurso de odio ou se van tomar medidas contra este individuo que xa ten protagonizado accións que son desprezables nunha persoa vinculada a calquera formación política”, sentenciou o BNG.