O BNG logra a unanimidade do Pleno para esixir melloras na saúde mental en Ponteareas

A iniciativa reclama máis persoal, menos listas de espera e novos recursos de prevención do suicidio en Ponteareas e na comarca do Condado-Paradanta

O BNG logra a unanimidade do Pleno para esixir melloras na saúde mental en Ponteareas

O BNG logrou no Pleno de Ponteareas o apoio unánime da Corporación á moción presentada para reclamar o reforzo da Unidade de Saúde Mental de Ponteareas e impulsar medidas de prevención do suicidio na localidade e na comarca do Condado-Paradanta.

A iniciativa foi defendida pola líder do BNG e candidata á Alcaldía, Cristina Fernández Davila, quen puxo o foco na “grave situación que vive a atención á saúde mental na comarca”, advertindo dos longos tempos de espera, da falta de estabilidade no persoal e das dificultades engadidas que sofre a poboación do rural para acceder a unha atención continuada e de calidade.

Durante a súa intervención, Fernández Davila denunciou o deterioro da sanidade pública provocado pola política sanitaria do PP na Xunta e lembrou que os tempos de espera para unha cita na Unidade de Saúde Mental chegan “a máis dun ano para psicoloxía e sete meses para psiquiatría”, ademais das frecuentes cancelacións de consultas e da falta de substitución das ausencias do persoal sanitario.

Cristina Fernández subliñou tamén a preocupación existente ante os casos de suicidio rexistrados nos últimos anos no municipio e na comarca, incidindo na necesidade de reforzar os recursos públicos de prevención e acompañamento. “A saúde mental debe ser unha prioridade política e sanitaria, especialmente no rural, onde existen máis dificultades de acceso aos servizos e menos recursos de apoio”, sinalou.

A iniciativa aprobada inclúe a realización dunha avaliación das necesidades asistenciais da Unidade de Saúde Mental de Ponteareas, o incremento do persoal especializado, a cobertura efectiva das baixas e vacacións, a redución das listas de espera e a incorporación de novas figuras profesionais como traballo social ou educación social.

Así mesmo, a moción reclama o desenvolvemento de campañas de información e sensibilización, programas específicos de prevención do suicidio nos centros educativos e a creación dun equipo itinerante de intervención comunitaria para ofrecer acompañamento ás persoas e familias afectadas.

O BNG valora positivamente o respaldo unánime da Corporación municipal a unha proposta “que responde a unha demanda social urxente e necesaria” e agarda que o goberno do PP na Xunta de Galiza atenda estas reivindicacións para garantir unha atención digna e próxima á veciñanza da comarca.

O BNG logra a unanimidade do Pleno para esixir melloras na saúde mental en Ponteareas