O BNG destapa o informe técnico que sinala á Xunta como responsable das obras nos colexios

Grupo Municipal do BNG
O BNG destapa o informe técnico que sinala á Xunta como responsable das obras nos colexios

O BNG saíu ao paso das recentes declaracións feitas polo goberno local sobre o mantemento dos centros de ensino de Ponteareas. O Bloque acusa ao PP de “manipular a información deliberadamente para enganar a poboación, creando un relato falso que oculte a súa culpabilidade na preocupante situación das aulas rurais”.

Para desmentir as acusacións, o Bloque fai público o extracto dun informe asinado polo secretario municipal no ano 2022, tras o proxecto elaborado polo goberno do BNG para solucionar as deficiencias das aulas unitarias. O informe técnico detalla as obras que se pretendían realizar e analiza polo miúdo a normativa, citando diversos artigos legais que aclaran que non se trata de mantementos. O informe conclúe que “as obras que se pretenden realizar nas escolas unitarias teñen a consideración de investimento e non de mantemento e conservación, e, por tanto, non se trata de competencias propias municipais, senón que corresponde á Xunta, no exercicio da súa competencia no ámbito de Educación, asumir devandito gasto”.

recorte Deseño informes CRA

A formación nacionalista lembra que investiu máis de 17.500 euros no proxecto de mellora da eficiencia enerxética e arranxos interiores, cunhas obras orzadas en 270.000 euros. “Acadamos o financiamento do 75% para acometer os traballos, obtendo 200.000 euros, e dado que o informe sinalaba que era competencia da Xunta, era necesario que o goberno galego cofinanciara o 25%. Pero o PP na Xunta negouse a achegar os 70.000 restantes e deixou que se perdesen 200.000 euros porque os conseguira o BNG. O PP renunciou a cumprir con Ponteareas en obras necesarias que son competencia da Xunta e agora veñen con pantomimas”, aféalle o Bloque.

“En vez de enganar á veciñanza con información falsa e terxiversada, o que debe facer o PP ponteareán é pedir explicacións aos seus superiores por negárense a financiar estas obras nos colexios do rural”

En canto ao mantemento, o BNG lembrou que mentres tivo responsabilidades de goberno acometeu obras de conservación nas aulas unitarias “como nunca antes se fixera, o que supuxo melloras de accesibilidade, cambio de portas e carpinterías interiores, reparacións para evitar filtracións de auga, o peche de patios e renovación de zonas de xogos con cambio de chan, a instalación de regos automáticos, a rehabilitación de aseos ou a rehabilitación da aula de Ganade para adaptala á sede e biblioteca do CRA”. Pola contra, sinalan, “en canto o PP chegou ao goberno provocou situacións insólitas de falta de mantemento, como que os pais e nais tivesen que alertar ao goberno de que comezara o curso e non se podían usar os patios porque estaban cheos de maleza”.

No referido á actual obra na aula de Pías, o BNG mantén que o que se precisa é unha reforma integral para a mellora da eficiencia enerxética, que supoña unha solución definitiva. “O que está facendo o goberno local do PP é remendar os seus propios parches, despois de que o primeiro movemento de tellas propagandístico que realizaron hai uns meses provocase aínda máis filtracións de auga das que xa tiña a propia edificación”, lamentou o grupo líder da oposición.

O BNG destapa o informe técnico que sinala á Xunta como responsable das obras nos colexios