Castro e Carrera néganse ao acordo cos ambulantes e impoñen cambiar o mercado do sábado de Corpus
O BNG critica a falta de diálogo e o impacto negativo no comercio local
O BNG condena a decisión do goberno de Ponteareas de manter o traslado do mercado semanal do sábado 6 de xuño ao venres 5, desoíndo tanto as alegacións do sector como as propostas formuladas polo propio BNG no Pleno deste martes.
A iniciativa do BNG xorde despois de que o tenente de alcaldesa asinara un decreto para adiantar a celebración do mercado sen consulta previa coas persoas comerciantes afectadas. Para o Bloque, trátase dunha decisión adoptada “de maneira unilateral e sen diálogo”, que provoca un impacto directo sobre o traballo e os ingresos das familias que dependen da actividade do mercado ambulante.
No Pleno, interviñeron as propias vendedoras e vendedores ambulantes, que trasladaron a súa oposición ao cambio e defenderon a viabilidade de manter o mercado na súa data habitual, sendo o sábado de Corpus unha das mellores xornadas de venda. Neste sentido, o BNG reiterou a súa proposta de compatibilizar ambas actividades, mantendo o mercado o sábado 6 e adiantando a hora de recollida para facilitar os preparativos do Corpus, unha alternativa que contaba co respaldo do sector afectado.

Porén, segundo denunciou o BNG, o goberno de Nava Castro (PP) e Juan Carlos Carrera (ACIP) rexeitou esta posibilidade e mantivo a imposición de adiantar o mercado ao venres, impedindo alcanzar un acordo coas persoas ambulantes a pesar das propostas presentadas.
A líder do BNG, Cristina Fernández Davila, criticou que o goberno “insista nunha imposición que prexudica directamente ao pequeno comercio ambulante” e advertiu de que “existen alternativas viables que permiten compatibilizar o mercado co desenvolvemento das festas sen danar o sector”.
Neste sentido, Fernández Davila sinalou que “non se pode facer pagar ás persoas comerciantes as consecuencias da incapacidade do goberno local para organizar adecuadamente tanto as festas como a actividade ordinaria da vila”, e engadiu que a medida tamén terá un impacto negativo no comercio local, “que verá reducida a súa actividade ao non celebrarse o mercado semanal na súa data habitual”.
O BNG pide ao goberno local que reflexione, porque “aínda están a tempo de rectificar e anular a decisión”. “O comercio ambulante forma parte esencial da vida económica e social de Ponteareas”, sinala o Bloque, que reclama ao goberno “respecto, planificación e diálogo” antes de adoptar decisións que condicionan a actividade e o sustento das persoas afectadas.