O BNG esixe ao goberno participación para aprobar a ordenanza de convivencia en Ponteareas
O BNG reclama ao goberno local de Ponteareas que abra un proceso participativo real coa veciñanza e cos colectivos sociais antes da aprobación da nova Ordenanza Municipal de Convivencia, Civismo, Limpeza e Uso Responsable do Espazo Público.
A formación nacionalista considera que unha norma destas características, que afecta directamente á convivencia cidadá, ao uso do espazo público e mesmo ao réxime sancionador municipal, “non pode elaborarse de costas á sociedade nin aprobarse unicamente coa maioría do goberno”.
O BNG sinala que o propio preámbulo da ordenanza recoñece a necesidade de fomentar a corresponsabilidade cidadá, a prevención e a mediación social, polo que entende “incoherente que o goberno de Nava Castro e a dereita non promovese ata o momento espazos de diálogo coa veciñanza, as entidades sociais do municipio nin as forzas políticas da Corporación Municipal”.
O Bloque advirte ademais de que algunhas das cuestións incluídas no texto poden afectar a dereitos e actividades cotiás da cidadanía, polo que consideran imprescindible “escoitar opinións, achegas e preocupacións antes de converter a ordenanza nunha ferramenta exclusivamente punitiva”.
Desde o BNG defenden que Ponteareas precisa normas claras para mellorar a convivencia e o coidado do espazo público, pero subliñan que estas deben construírse “desde o consenso, a pedagoxía e a participación social, e non desde a imposición”.
Por iso, a formación nacionalista reclama ao goberno municipal a apertura dun proceso participativo público, con exposición e debate do borrador da ordenanza, recollida de propostas e reunións cos distintos colectivos afectados, antes de continuar coa súa tramitación definitiva.