O BNG reclama manter o mercado o sábado de Corpus e acusa ao goberno de xogar co sustento das familias
Cristina Fernández acusa ao goberno local de actuar "sen diálogo nin planificación”
O BNG vén de solicitar a retirada do decreto polo que o goberno de Ponteareas modifica a data do mercado semanal previsto para o sábado 6 de xuño, trasladándoo ao venres 5 con motivo da preparación das festas do Corpus.
A líder do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, critica que a decisión fose adoptada “de maneira unilateral e sen falar previamente coas persoas comerciantes afectadas”, que coñeceron o cambio a través das comunicacións remitidas polo tenente de alcaldesa na mañá do sábado seguinte á sinatura do decreto.
Para o BNG, a medida evidencia “unha preocupante falta de planificación e de respecto por un sector que depende directamente da actividade do mercado para garantir o seu sustento”. Fernández Davila considera “inaceptable” que o goberno local “pretenda facer pagar ás familias comerciantes as consecuencias da súa incapacidade para organizar adecuadamente as festas e a actividade ordinaria da vila”.
Cristina Fernández sinala que “é perfectamente compatible celebrar o mercado semanal e desenvolver os preparativos do Corpus, sempre que exista vontade política e capacidade organizativa”. Neste sentido, a solicitude presentada polo BNG propón manter o mercado o sábado 6 de xuño, adiantando a hora de recollida para facilitar a convivencia entre ambas actividades, unha proposta que sería aceptada polas persoas afectadas, segundo lle trasladaron ao BNG.
“O comercio ambulante forma parte da vida económica e social de Ponteareas e merece respecto, diálogo e solucións, non estas imposicións e este maltrato do goberno de Nava Castro e a dereita”, afirma Cristina Fernández.
O BNG solicita así a anulación deste decreto e insta ao goberno municipal a abrir canles de diálogo coas persoas afectadas antes de adoptar decisións que condicionan o seu traballo e os seus ingresos.