O BNG denuncia ao PP por utilizar a mocidade do voluntariado municipal para un acto de campaña
O BNG anunciou a presentación dunha denuncia contra o PP pola utilización de mozas e mozos do voluntariado municipal de Ponteareas e de medios públicos nun acto de campaña electoral na tarde deste mércores.
A convocatoria ao acto do PP difundiuse dende o Concello, utilizando recursos públicos, persoal municipal e datos persoais, camuflada como unha xuntanza coa Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta para que a mocidade lle trasladara as súas preocupacións. Unha vez iniciada a reunión, as mozas e mozos, incluso menores de idade, decatáronse que foran enganadas e convocadas a un acto de campaña con cargos e candidatas do Partido Popular.
O portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, denunciou uns feitos que considerou “de extrema gravidade, que demostran a falta de escrúpulos dun goberno local que non se corta á hora de recuperar as prácticas caciquís e rastreiras propias dos Castro e do Partido Popular”.
Bouzó, que no anterior goberno dirixiu as áreas de Mocidade e Voluntariado, indicou que “Ponteareas conta cunha extraordinaria rede de voluntarias e voluntarios, que demostraron durante estes anos a súa grande entrega e xenerosidade incluso en momentos complicados como a pandemia da Covid. O PP, despois de desprezalos, decide utilizalos enganándoos de forma caciquil e miserable para intentar conseguir un par de votos nas eleccións deste domingo. Non todo vale.”
O portavoz do Bloque afirmou que “isto demostra o nerviosismo do PP, porque saben que o cambio político na Xunta depende dun puñado de votos”. Bouzó aproveitou para pedir á mocidade ponteareá “que o vindeiro 18 de febreiro castigue nas urnas estas prácticas caciquís do PP” e que confíe nun cambio galego liderado por Ana Pontón. “Se as mozas e mozos que non toleramos estas actuacións concentramos o domingo os votos no BNG, Ana Pontón será presidenta da Xunta”, presaxiou.