O Pleno debaterá a situación dos centros educativos de Ponteareas a iniciativa do BNG
O BNG rexistrou unha iniciativa, que será debatida no Pleno do vindeiro martes, para instar á Xunta de Galicia á mellora dos centros educativos de Ponteareas, así como a que a Corporación Municipal se comprometa na defensa do ensino público e apoie as reivindicacións da comunidade educativa ponteareá.
“O curso escolar comezou marcado polas incidencias que provocan as políticas educativas do PP na Xunta, cos centros públicos con carencias de profesionais suficientes para proporcionar unha atención de calidade a todo o alumnado”, sinala o BNG, que destaca o agravamento do problema no ámbito da diversidade e solicita que se dote do profesorado especialista necesario para atender as necesidades do alumnado.
O Bloque explica que “en Ponteareas estámonos achegando ao 25% de alumnado con Necesidades Especiais de Atención Educativa (NEAE), e os equipos de orientación dos centros educativos de Ponteareas carecen de persoal suficiente para atendelo. Todos os anos os centros solicitan reforzos en especialistas como Audición e Linguaxe (AL), Pedagoxía Terapéutica (PT) e incluso auxiliares coidadoras, e na maioría dos casos son ignorados pola Xefatura Territorial do PP na Xunta”.
A iniciativa do BNG tamén se refire aos servizos complementarios educativos, como é o comedor escolar. “Este curso o CEIP Fermín Bouza Brey atopouse coa sorpresa de ver reducidas as prazas de comedor previamente concedidas dende hai 7 anos, a pesar de contar con espazo para ofertalo.” O BNG demandou o primeiro día de curso “unha solución inmediata fronte a esta decisión do PP que impide a conciliación das familias ás que se privou dun servizo que solicitaron coa matriculación do seu fillo ou filla”.
Ademais, o Bloque lembra que a comunidade educativa do CEIP Santiago de Oliveira “leva reclamando nos últimos anos que a Consellería de Educación da Xunta implemente un servizo de comedor escolar coas instalacións necesarias. Na mesma situación está o CEIP Feliciano Barrera, de Guláns, ambos centros do rural de Ponteareas que axudarían a manter ou incrementar a matrícula nos centros e a fixar poboación no rural”, sinala a formación nacionalista.
Por último, o BNG solicita que se planifiquen e se realicen as obras urxentes as necesarias nos centros educativos de Ponteareas, xa que “son edificacións antigas que precisan continuas tarefas de mantemento, pero tamén obras de ampliación, rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética”.
Neste sentido, o Bloque fai especial fincapé nas aulas do Colexio Rural Agrupado A Picaraña. “O goberno local liderado polo BNG no anterior mandato redactara un proxecto de mellora da eficiencia enerxética de cinco escolas rurais e acadara o 75% de financiamento do IDAE. Era necesario cofinanciar o 25% restante, que o Concello non pode asumir por non ser da súa competencia. Pero a Xunta preferiu perder esa subvención que conseguiramos para aforrarlles o 75%, e imposibilitaron a execución das obras a pesar da súa necesidade e de ser unha obriga do goberno galego. Polo tanto, é o momento de que se comprometan a realizalas e non continúen centrando as súas políticas en fulminar as escolas rurais”, sentenciou o BNG.