COMUNICADO CONXUNTO DE BNG, ACIP, PSOE E PEC
A oposición de Ponteareas únese para pedir explicacións sobre a execución dos fondos europeos da EDUSI
Os catro grupos políticos da oposición de Ponteareas (BNG, ACIP, PSOE e PeC) rexistraron na mañá deste xoves unha iniciativa conxunta para solicitar ao goberno local a convocatoria urxente da comisión de seguimento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, "Ponteareas, Hábitat Saudable".
As portavocías dos catro grupos sinalaron que esta estratexia, grazas á que Ponteareas logrou 5 millóns de euros de fondos europeos, “afronta a súa fase final, con algunhas accións en execución e con outras tramitadas pero aínda pendentes de iniciar. A data límite para realizar investimentos que se poidan xustificar con cargo a estes fondos remata o vindeiro 31 de decembro”, advirten.
“Dende o inicio deste mandato, a raíz das modificacións realizadas polo goberno local nos proxectos que estaban en marcha, dende a oposición solicitouse a convocatoria desta comisión para analizar a situación de cada unha das operacións e o seu estado de execución. Malia comprometérense a facelo sen demora xa no mes de xullo, a día de hoxe nin se convocou a comisión nin se facilitou a información aos grupos da oposición”, sinalan.