“Retroceso, descontrol e improvisación”, o resumo do BNG dos 100 días de goberno de Nava Castro
Nava Castro perdeu toda a forza pola boca coas súas promesas electorais pero agora castiga no absoluto esquecemento ás parroquias de Ponteareas
A alcaldesa está máis centrada nos seus problemas internos e no turismo provincial e procesionario que en xestionar o Concello
O BNG ofreceu este luns unha rolda de prensa para facer unha valoración dos primeiros 100 días do goberno do PP e Nava Castro en Ponteareas.
Xunto a concelleiras e concelleiros do Grupo Municipal, o seu portavoz, Miguel Bouzó, sinalou que “a grandes trazos, podemos resumir os 100 días que hoxe alcanzamos en tres palabras: retroceso, descontrol e improvisación. Pero a análise vai moito máis alá, porque tras 100 días de goberno, aínda non sabemos cal é o modelo de vila que quere o novo goberno, porque non teñen un proxecto de futuro para Ponteareas. Só teñen unha teima, unha obsesión: desfacer todo o traballo realizado polo anterior goberno que lideraba o BNG. Iso é o que move ao goberno de Nava Castro”, afirmou.
“Un exemplo claro deste retroceso é a xestión dos cinco millóns de euros de fondos europeos logrados nos anteriores mandatos, que o PP pon en risco cambiando os usos dos edificios para executar unha ocorrencia electoral de Nava Castro”, destaca o BNG. “Actúan así a sabendas de que iso pode supor a perda de fondos europeos. Polo tanto estamos ante unha actuación temeraria do goberno que demostra a súa irresponsabilidade e a súa indiferenza á hora de xestionar os cartos de todas e todos”, censurou a formación nacionalista, que considera que a prioridade do goberno son “a propaganda e a publicidade para ocultar a súa verdadeira intención de destruír os avances logrados nos últimos 8 anos”
O BNG amosouse crítico coa xestión do goberno en diversas materias, e fixo fincapé na mobilidade. “Fronte ao noso modelo de vila dende a planificación e o traballo rigoroso, agora o PP de Nava Castro actúa coa intención de rachar co modelo do BNG e con total improvisación: cambian os sentidos das rúas incumprindo o plan de mobilidade, sen participación, sen informar dos cambios de sentido a residentes, sen deixar visibilidade nos pasos de peóns, sen espazo para cadeiras de rodas ou carros de bebé. Pero ademais, días despois volven actuar nos mesmos espazos con novos cambios, demostrando que reina o caos, o descontrol e a improvisación”, aseguran.
Unha actitude que causa grande indignación ao Bloque é “a falta de respecto do goberno de Castro aos colectivos, entidades e asociacións que traballan de xeito altruísta dende os diversos ámbitos para dinamizar Ponteareas”. Así, destacan a intención de deixar aos clubs deportivos sen axudas e “os atrancos que lle poñen a aqueles que organizan eventos deportivos na localidade”.
O Bloque continuou relatando que “no referente á cultura, estes días constatamos o desprezo do goberno do PP ás asociacións que dinamizan o noso rural. Tras fulminar o programa Cultura24, que enchía de actividade municipal as casas culturais, nos pasados días Nava Castro asinaba un decreto para desviar a outras partidas o diñeiro que figuraba nos orzamentos municipais para as subvencións a centros e casas culturais das parroquias. Desviaron tamén o diñeiro das axudas a entidades veciñais, creadas co BNG na alcaldía para colaborar con investimentos realizados en inmobles veciñais.
“En definitiva, Nava Castro perdeu toda a forza pola boca coas súas promesas electorais, pero agora que está á fronte do goberno e ten a obriga de actuar, castígano absoluto esquecemento ás parroquias de Ponteareas e as súas necesidades. O que o PP esixía facer ao anterior goberno nunha semana en todas as parroquias, resulta que o goberno actual aínda non foi capaz de facelo en máis tres meses”, lamenta o BNG.
En materia económica, o Bloque asegura que “a xestión do concello é un absoluto desastre”. A formación nacionalista lamenta que “castiguen ás asociacións sen axudas e teñan sen cobrar a provedores e pequenas empresas locais que presentan as súas facturas despois de realizar os servizos ou subministrar material”. “O goberno xa renunciou a realizar un orzamento para o que queda de ano e tampouco temos noticias das liñas mestras da súa proposta orzamentaria para 2024. A alcaldesa, que é responsable da concellaría de Facenda, está máis centrada nos seus problemas internos e no turismo provincial e procesionario que en sentarse no despacho a xestionar algo tan fundamental para un concello como son os presupostos municipais”, condenou o BNG.
O Bloque conclúe que “estamos ante un goberno en minoría que non está á altura das necesidades de Ponteareas, que non é capaz nin de executar as accións que lle quedaron en marcha, nin de desenvolver novas ideas e proxectos que dean resposta ás principais demandas da nosa veciñanza”.
Fronte “o descontrol e o desgoberno”, o BNG anuncia que como principal forza da oposición continuará “centrando os esforzos en loitar por unha xestión municipal responsable, transparente e participativa, e en garantir que se atendan as necesidades das persoas, traballando dende o rigor e a responsabilidade opoñéndonos a aquelas decisións que prexudiquen a Ponteareas e realizando propostas en positivo que suplan a inacción do goberno de Castro e melloren o día a día da nosa veciñanza”, remata.