O BNG lembra que xa hai un proxecto para San Gregorio e pide ao goberno “seriedade e rigor”

undefined
Proxecto San Gregorio contratado polo BNG
O Bloque desvela que o Concello solicitou o cambio dunha subvención da Deputación para volver contratar un proxecto que xa existe
O BNG lembra que xa hai un proxecto para San Gregorio e pide ao goberno “seriedade e rigor”

O BNG saíu ao paso do anuncio do goberno de Ponteareas para redactar un proxecto que mellore a contorna da baixada de San Gregorio. A través da concelleira Eva Gil, o Bloque sinalou que “o Concello xa conta cun proxecto para reformar a baixada de San Gregorio, contratado polo anterior goberno de Ponteareas, no que se investiron máis de 21.000€”

Así mesmo, Gil informa que o goberno liderado polo BNG tamén solicitara unha subvención para a redacción de proxectos para a mellora doutras rúas do centro urbano, polo que a Deputación de Pontevedra nos concedeu 50.000 euros. “Agora, o goberno de Nava Castro solicitou á Deputación cambiar o destino desa subvención, descartando eses proxectos para encargar con ese diñeiro un novo proxecto para San Gregorio e desfacerse do contratado no seu día polo goberno de esquerda”, desvelou a concelleira do BNG.

undefined
Eva Gil, concelleira do BNG

Eva Gil afirma que “con esta actuación irresponsábel, o goberno do PP tira ao lixo o proxecto para a baixada de San Gregorio, de máis de 21.000€, só por ser elaborado na época do BNG no goberno, e ademais perde a posibilidade de contar con novos proxectos para mellorar outras rúas coa subvención de 50.000 euros que nos concedera a Deputación”.

“Dado que detrás do seu anuncio propagandístico aínda non hai ningún contrato para a redacción do novo proxecto, dende o BNG pedimos ao goberno local que abandonen o sectarismo e actúen con rigor e seriedade, aproveitando o proxecto que xa existe e non dilapidando outros 20.000 euros nun novo proxecto”, sinalou a concelleira do Bloque.

“O obxectivo da dereita é desfacer todos os avances logrados polo BNG, aínda que iso supoña prexuízos para a veciñanza. Dende o Bloque seguiremos traballando, como alternativa de goberno, por unha xestión responsábel e seria para dar resposta ás necesidades das veciñas e veciños”.

O BNG lembra que xa hai un proxecto para San Gregorio e pide ao goberno “seriedade e rigor”