O BNG congratúlase de que o goberno ponteareán actuara tras un ano coas fontes sen analizar
O goberno realizou análises o 20 de agosto tras a denuncia do BNG
O Bloque insta a facer un seguimento tras ser a maioría non potables
O BNG vén de amosar a súa satisfacción porque o goberno local realizase, tras máis dun ano, unha análise do estado da auga das fontes de Ponteareas, a raíz dunha denuncia do grupo nacionalista nas pasadas semanas.
“Até agora, cando unha persoa consultaba no Concello o estado da auga das fontes, remitíana aos resultados dunhas análises de maio do ano 2023 que figuran na páxina web municipal. O BNG solicitou a comezos do verán os resultados das análises do último ano, comprobando que non existían. Ante esta desidia e irresponsabilidade do goberno local, cos graves riscos que pode supor para a saúde humana o consumo de auga en mal estado, o Bloque fixo pública a situación e urxiu a realización de analíticas e a publicación dos seus resultados, logrando así que o goberno da dereita actuase o 20 de agosto analizando as augas tras un ano de abandono”.
O Bloque sinalou que “a veciñanza estivo consumindo, durante máis dun ano, auga sen ningunha garantía sanitaria, que agora se descobre que na maioría dos casos non é apta para o consumo humano.” O grupo líder da oposición amosou a súa preocupación porque “os resultados obtidos empeoran os últimos dispoñibles, clasificando como non potables case a totalidade das fontes ponteareás”
Á vista destes datos, o BNG insta ao goberno tripartito a “realizar un seguimento con análises periódicas, publicando os resultados e realizando os traballos que sexan precisos para tratar de mellorar a calidade das augas das fontes”. “Que saian da burbulla da foto e a propaganda e se preocupen polas cuestións importantes para a seguridade e a saúde da veciñanza”, recalca a formación nacionalista.