O BNG cuestiona que Nava Castro pida un préstamo para financiar unha “minipista” de atletismo de 4,4 millóns
O goberno propón ao Pleno de Ponteareas solicitar un préstamo de 760.000 euros para financiar as obras da fase 1, dun importe de 1,6 millóns de euros
As tres fases da obra, que a comunidade atlética rexeita, suman 4,4 millóns
O BNG vén de informar da intención do goberno de Nava Castro de solicitar á Xunta un préstamo de 760.000 euros para financiar a primeira fase das obras dun módulo de atletismo de 60 metros. Así mesmo, o Bloque destapou que o proxecto conta con dúas fases máis, sumando un investimento total de 4,4 millóns de euros.
“Trátase dun capricho imposto pola alcaldesa e o tenente de alcaldesa polos seus propios intereses, que conta co rexeitamento maioritario da comunidade atlética ponteareá, que reclama unha pista de atletismo de 400 metros e non unha recta de 60 metros”, sinalou a líder do BNG e candidata á alcaldía de Ponteareas, Cristina Fernández Davila. “Néganse a escoitar a comunidade deportiva e poñen a propaganda por diante das necesidades do atletismo ponteareán”, lamentou Fernández Davila.

Así mesmo, o BNG cuestiona que se dediquen millóns de euros a caprichos mentres as necesidades reais das veciñas e veciños continúan sen atender. “O rural segue sen o saneamento prometido e as infraestruturas básicas acumulan carencias, pero o goberno de Castro e a dereita pretenden despilfarrar máis de 4 millóns de euros nunha instalación que non resolve as necesidades da comunidade atlética”, afirmou Cristina Fernández.
O BNG explicou a previsión do goberno local para estas obras. A primeira fase, que conta con financiamento de 840.000 euros da Deputación de Pontevedra, engloba a estrutura xeral e a recta de velocidade cuberta, cun orzamento de 1,6 millóns de euros e un período de execución de 4 meses desde a súa adxudicación. A segunda fase, cun prazo de execución de 6 meses e destinada á construción xeral pechada, supera os 1,55 millóns de euros. Por último, a terceira fase, que abordaría as instalacións e os acabados, supera os 1,2 millóns de euros.
“Primeiro anunciaron como espectacular unha pista ovalada de 200 metros; a comunidade atlética reclama unha de 400 para que sexa realmente útil. En vez de atender esas peticións, o goberno de Castro pretende gastar aínda máis diñeiro nun cambio a peor, consistente nunha simple recta cuberta de 60 metros”, subliñou o BNG.
Como alternativa de goberno, o BNG comprométese a situar as prioridades da veciñanza no centro da acción política, apostando por unha planificación rigorosa dos investimentos e por un diálogo permanente cos colectivos afectados antes de impulsar grandes proxectos. “Ponteareas precisa un goberno que escoite, que planifique con responsabilidade e que destine os recursos públicos a atender as necesidades reais das persoas. En 2027 a veciñanza terá a oportunidade de elixir un cambio para deixar atrás os caprichos e a propaganda e conformar un goberno que traballe pensando no interese xeral”, concluíu Cristina Fernández Davila.