O BNG DENUNCIA QUE A VECIÑANZA ESTÁ CONSUMINDO AUGA SEN GARANTÍA SANITARIA

As fontes públicas de Ponteareas levan máis dun ano sen analizar

undefined

O Concello remite aos resultados de analíticas de maio do 2023

As fontes públicas de Ponteareas levan máis dun ano sen analizar

O BNG denunciou a “inseguridade que supón para a veciñanza descoñecer o estado da auga das fontes públicas de Ponteareas”, tras informar que o goberno local leva máis dun ano sen realizar as correspondentes análises.

“A veciñanza está consumindo auga sen ningunha garantía sanitaria. Cando unha persoa consulta no Concello o estado da auga das fontes, remítena aos resultados dunhas análises de maio do ano 2023 que figuran na páxina web municipal, sinalando que son as últimas das que dispón”. O Bloque sinala que, “dende a chegada da dereita ao goberno local, o Concello non contratou ningunha analítica da calidade das augas, a pesar de que os últimos resultados publicados nos últimos días do anterior mandato amosan un preocupante estado das augas e cualifican máis do 70% de fontes como non aptas para o consumo humano”.

“Vista a parálise do goberno local, ante os graves riscos para a saúde humana, o BNG solicitou hai máis dun mes acceso aos resultados das análises de auga das fontes do último ano” informa o Bloque, desvelando que “ante a falta de datos, o goberno local deu unha vez máis a calada por resposta, cando ten a obriga de contestar en cinco días”.

O BNG urxe ao goberno que realice os traballos pertinentes, que informe nos espazos das fontes do resultado das analíticas e que os publique na páxina web municipal, xunto ao inventario de fontes públicas no que se detalla o estado de salubridade de cada unha das fontes. “Que saian da burbulla da foto e a propaganda e se preocupen polas cuestións importantes para a seguridade e a saúde da veciñanza”, conclúe a formación nacionalista.

Datos das análises do 2023: preme aquí

As fontes públicas de Ponteareas levan máis dun ano sen analizar