O BNG congratúlase dos avances na reforma da Residencia e lamenta o recorte no proxecto
O goberno liderado por Cristina Fernández lograra case 640.000 euros para a rehabilitación integral do edificio. O goberno de Castro non actuará no interior.
O BNG amosou a súa satisfacción polo avance na tramitación das obras de rehabilitación da Residencia de Maiores de Ponteareas, que saíron este martes a concurso público. A través da concelleira Eva Gil, o Bloque lembrou que “este proxecto sae adiante grazas ao traballo do BNG no pasado mandato, logrando un financiamento de case 640.000 euros para un proxecto superior ao millón de euros”.
Gil sinalou que “a Residencia de Maiores de Ponteareas é un edificio que data do 1979 e que, polo paso do tempo, precisa realizar investimentos que melloren as súas prestacións. Por iso dende o BNG, no anterior mandato, elaboramos un proxecto para a rehabilitación integral do edificio, para actuar sobre a súa eficiencia enerxética, a calidade espacial, a funcionalidade, a accesibilidade e o confort para as persoas usuarias e traballadoras”.
Con todo, a concelleira lamentou que “o goberno de Nava Castro decidise recortar o proxecto e reducilo a un lavado de cara e mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade, sen aproveitar a ocasión para actuar na reforma interior do edificio”, tal como proxectara o BNG. “Cunha poboación cada vez máis envellecida, faise máis necesario que nunca que as administracións realicen investimentos para garantir que as e os nosos maiores afronten a última etapa da súa vida nun espazo máis confortábel e cunha habitabilidade digna”, razoa.
Eva Gil destacou que, precisamente, o enfoque integral do proxecto elaborado polo goberno do BNG foi o que o converteu “nun dos 15 seleccionados en toda Galiza entre as máis de mil iniciativas presentadas en todo o Estado para recibir os fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local)”. Neste sentido, considerou que o tripartito “vive das rendas do traballo rigoroso do anterior goberno. Cando o BNG chegou ao goberno en 2015, atopou millóns de euros en débedas e unha administración paralizada. Pola contra, o PP atopou numerosos proxectos, varios deles en marcha, e unha gran cantidade de fondos externos logrados polo Bloque para poder executalos.”
É momento de que a Xunta cumpra as súas obrigas
Unha vez acadados os fondos europeos, Cristina Fernández propuxera á Xunta asinar un convenio para que a administración galega, que ten as competencias do servizo de residencia de maiores, financiara a parte restante do proxecto e se coordinara co Concello para continuar prestando o servizo durante a duración das obras. “Rematado o mandato pasado, non houbo resposta por parte da Consellaría, e agora o goberno do PP limítase a pedirlle á Xunta unha segunda Residencia, obviando que é necesario manter o actual edificio nas mellores condicións posíbeis, xa que deberá conservar este uso durante, cando menos, toda esta década”, advirten.
Ademais, o BNG lembra que, a pesar de que aos concellos non lles corresponde asumir este servizo, o seu mantemento supuxo nos anteriores catro anos un gasto de case 800.000 euros para as arcas municipais. “É momento de que a Xunta cumpra as súas obrigas e se comprometa coa Residencia de Maiores, tanto coa reforma actual como asumindo no futuro as súas competencias”, conclúe o BNG.