A asfixia económica de Ponteareas obriga ao goberno de Castro a pedir 3,4 millóns para pagar obras xa executadas
Solicitan un préstamo para asumir obras xa realizadas, como a Escola Infantil, a reforma da contorna do concello, a nova oficina de turismo ou a Residencia
Dos 3,4 millóns, só 540.000 euros son para cofinanciar os fondos europeos EDIL
O BNG informou da decisión do goberno de Nava Castro de solicitar un préstamo a unha entidade bancaria por un importe próximo aos 3,4 millóns de euros, que deberá amortizarse até o ano 2041, para poder facer fronte ao pagamento de obras xa executadas e doutras actualmente en marcha.
“A inestabilidade orzamentaria do Concello e o descontrol na xestión económica levaron Ponteareas a unha situación de auténtica asfixia económica. O goberno de Nava Castro e a dereita optan por hipotecar o futuro do Concello e recorrer a un préstamo millonario para pagar obras que xa debían estar financiadas”, critica o BNG.
Entre as actuacións que se financiarán con este préstamo figuran a Escola Infantil (523.000 €), as obras de humanización realizadas na contorna da Casa do Concello e a fase pendente (506.000 €), a nova Oficina de Turismo (140.000€) ou a Residencia de Maiores (60.000€). Así mesmo, o Concello solicita 820.000 euros para a terceira fase da nova praza de abastos, e outros 760.000 euros para actuacións como a planta baixa dos Servizos Sociais, a creación de oficinas municipais ou a segunda fase do saneamento de Ribadetea.
O BNG denuncia que o goberno trata de xustificar este novo endebedamento co cofinanciamento dos fondos europeos EDIL, cando a realidade é que só 540.000 euros do préstamo, apenas o 16 % do total, responden a esa finalidade. “A maior parte do préstamo destínase a pagar actuacións para as que o goberno non ten recursos propios. A situación é tan grave que nin sequera dispón de 25.000 euros para asumir o cofinanciamento da subvención da Xunta para o Parque Empresarial da Lomba”, exemplifica o Bloque.
Así mesmo, o BNG lembra que o goberno local tamén tramita outro préstamo de 760.000 euros para financiar a primeira fase dun módulo de atletismo de 60 metros, un proxecto de máis de 4,4 millóns de euros “imposto por Nava Castro (PP) e Juan Carlos Carrera (ACIP) malia o rexeitamento maioritario da comunidade atlética”.
“O modelo de xestión de Nava Castro, baseado no descontrol e no despilfarro dos recursos públicos en caprichos e propaganda, está levando o Concello a unha deriva preocupante. Mentres aumentan as taxas e os impostos que pagan as veciñas e veciños, o goberno recorre ao endebedamento para pagar obras xa executadas e continúa destinando millóns de euros a proxectos que non responden ás prioridades da veciñanza. Ponteareas necesita unha xestión rigorosa, responsable e capaz de garantir a estabilidade económica do Concello”, conclúe o BNG.