A MODIFICACIÓN PROPOSTA NON TEN O APOIO DOS SINDICATOS

Presentadas alegacións á RPT que pretende consolidar ao cuñado da alcaldesa de Ponteareas

Presentadas alegacións á RPT que pretende consolidar ao cuñado da alcaldesa de Ponteareas

O BNG anunciou a presentación de alegacións á aprobación inicial da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ponteareas, que vén de concluír o período de exposición ao público.

Segundo apunta o Bloque, “coa modificación da RPT o goberno tripartito pretende consolidar o enchufe do cuñado de Nava Castro. Colocárono nun posto de medio ambiente, no que nunca estivo traballando, porque era o único posto no que podían colocalo. Agora queren trasladalo a Servizos Tecnolóxicos para que continúe desenvolvendo a súa verdadeira función: facer propaganda do goberno local e promocionar á súa cuñada con recursos públicos.”

O concelleiro do BNG Xosé Carlos Vázquez declarou que “as alegacións presentadas solicitan que non se proceda a aprobación definitiva da modificación da RPT mentres non se resolva o recurso extraordinario de revisión presentado nas pasadas semanas, no que se pide a anulación do reingreso do cuñado da alcaldesa no Concello por quedar acreditado que foi realizado en evidente fraude de lei e desviación de poder.”

O BNG amosouse tamén contrario a que a modificación da RPT supoña o aumento do complemento específico só para seis persoas, sen facer un estudo global de todas as necesidades de actualización no cadro de persoal. Por este motivo, as alegacións solicitan “a emisión dun informe de fiscalización por parte da Intervención Municipal sobre o cumprimento do réxime de retribucións dos funcionarios da administración local, toda vez que non se cumpría coa aprobación do Orzamento do Concello para 2024 e na proposta de modificación da RPT se incrementan as contías do complemento de determinados postos de traballo”, explicou Xosé Carlos Vázquez.

Ademais, o BNG lembra que esta modificación aprobada inicialmente polo goberno de Nava Castro non conta coa aprobación de ningún sindicato. “A pesar de non ter o apoio das e dos representantes do persoal municipal, o goberno local segue adiante coa súa soberbia, sen ningún respecto ás traballadoras e traballadores municipais para cumprir o obxectivo da alcaldesa e do goberno de colocar aos seus custe o que custe”.

Presentadas alegacións á RPT que pretende consolidar ao cuñado da alcaldesa de Ponteareas