O TRIPARTITO VOLVE AO PASADO E CONVERTE O CONCELLO NUN TINGLADO DE ENCHUFISMO

O BNG denuncia o escándalo para recolocar no Concello de Ponteareas ao cuñado da alcaldesa

Grupo Municipal BNG Pleno 27.02.2024
Grupo Municipal do BNG, no Pleno
O BNG denuncia o escándalo para recolocar no Concello de Ponteareas ao cuñado da alcaldesa

O BNG rexeitou no Pleno deste martes en Ponteareas a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), coa que o goberno de Nava Castro “pretende consolidar o enchufe do seu cuñado e aplicar subas de complementos de xeito discrecional, a pesar das advertencias do Secretario Municipal”.

“Primeiro colocaron ao cuñado da alcaldesa como traballador de medio ambiente, cun informe falseado pola concelleira Silvia Fernandes, que xustificaba que era moi necesario nese servizo. Agora, seis meses despois, cámbiano de posto e adáptanlle as funcións, o que desmonta a farsa de que era necesario para realizar traballos de medio ambiente. A realidade é que nunca estivo traballando nese posto, xa que se dedicaba a facer propaganda do goberno local, fotografando e promocionando á súa cuñada con recursos públicos”, denuncia o BNG.

“O tripartito instaurou o regreso ao pasado en todos os aspectos, por iso se esmera en volver converter o Concello nun tinglado de enchufismo e corrupción”, sinala o Bloque, lembrando que “Juan Carlos Ojea, cuñado da alcaldesa, xa fora colocado a dedo no 1998 como director da televisión municipal co único mérito de ser cuñado de Nava Castro”.

En canto a outras cuestións da modificación da RPT, o Bloque lamenta que o tripartito decida aumentar o complemento específico só a seis persoas, sen facer un estudo global de todas as necesidades de actualización no cadro de persoal, polo que a formación nacionalista propuxo “acollerse ás gratificacións que establece a lei para cando se fan servizos extraordinarios fóra da xornada laboral mentres non se faga unha actualización global do complemento específico”.

Ademais, o BNG sinala que as propostas presentadas polo concelleiro de Persoal, Francisco Jesús, non teñen o respaldo das e dos representantes do persoal municipal. “Pese a falta de apoio, o concelleiro segue adiante coa súa soberbia e actitude fanfarrona, sen ningún respecto ás traballadores e traballadores municipais para cumprir o obxectivo da alcaldesa e do PP de colocar aos seus custe o que custe”, conclúe o Bloque.

O BNG denuncia o escándalo para recolocar no Concello de Ponteareas ao cuñado da alcaldesa