A deputada do BNG Cristina Fernández visita a escavación arqueolóxica de San Cibrán
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Cristina Fernández Davila, visitou na mañá deste venres o Alto de San Cibrán, que une a parroquia ponteareá de Guláns coa salcedense de A Picoña e agocha un interesante recinto fortificado con recoñecibles evidencias construtivas.
Acompañada doutros concelleiros e concelleiras do BNG en Ponteareas e Salceda de Caselas e de membros das comunidades de montes de ambas parroquias, a deputada e concelleira ponteareá conversou co investigador e arqueólogo do grupo de investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela, Mario Pereiro, que dirixe a escavación arqueolóxica.
Os traballos realizados xa permiten ver parte dunha edificación altomedieval, é dicir correspondente á alta Idade Media que abrangue do século V ao X. Precisamente, o obxectivo co se se iniciou esta investigación era poder coñecer cando foi ocupada a edificación e desenvolver hipóteses de para que foi construída.
Ao pé da escavación, coincidindo co último día da intervención, Cristina Fernández trasladou ás comunidades de Montes e aos arqueólogos o compromiso do BNG de solicitar a implicación das institucións públicas co proxecto no caso de que se decida ampliar a campaña, apostando polo establecemento dun Plan Director dos traballos a realizar para unha investigación máis ampla e a súa posterior divulgación.