O BNG oponse á supresión da quenda de tarde no Centro de Saúde de Ponteareas
O Centro de Saúde de Ponteareas volverá quedar sen quenda de tarde a partir do vindeiro 1 de maio. Así o denunciou o BNG, que xa presentou unha iniciativa ao Pleno para que a Corporación Municipal inste á Xunta a manter a quenda de tarde no Centro de Saúde de Ponteareas e dotar o cadro de persoal dos profesionais suficientes para unha atención sanitaria digna.
“Por todas e todos é sabido que miles de ponteareás e ponteareáns están sen persoal médico asignado, ou que hai que agardar ata cinco semanas para unha cita coa médica ou médico de familia”, sinala o Bloque. “Por se fose pouco, vimos de coñecer nas últimas horas a decisión de anular a quenda de tarde a partir do vindeiro mes de maio. Persoas que levaban semanas agardando a súa cita descobren que foron bloqueadas as axendas para as tardes do mes de maio e que as citas asignadas serán canceladas”, engaden.
O BNG denuncia que “a situación da Atención Primaria no noso país é crítica como consecuencia do deterioro e desmantelamento programado da sanidade pública por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza. Pero, entre a situación global, destaca a extrema gravidade que atravesa o Centro de Saúde de Ponteareas, cunha organización caótica e cun persoal a todas luces insuficiente”.
A formación nacionalista propón tamén na súa iniciativa “dotar do persoal profesional necesario a Unidade de Saúde Mental da localidade, reforzándoa para reducir a lista de agarda". O Bloque alerta que a Unidade de Saúde Mental de Ponteareas, de referencia para 50.000 persoas da comarca, “vive unha situación similar, con cancelación de citas e agardas inadmisibles. Nas últimas semanas estanse cancelando as citas dunha das dúas profesionais que prestan o servizo de psiquiatría e, ademais, continúa un único psicólogo, o que provoca que as persoas usuarias teñan que agardar ata un ano para seren atendidas”, conclúe o BNG.