O BNG presenta iniciativas no Parlamento Galego ante a falta de médicos en Ponteareas
O Bloque denuncia as carencias en Saúde Mental, con esperas de até un ano
A deputada do BNG, Cristina Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa no Parlamento Galego relativa ao centro de saúde e PAC de Ponteareas, que presta o servizo de atención primaria a esta localidade e aos demais concellos da comarca do Condado.
Ante as instalacións sanitarias, acompañada dos portavoces do BNG na comarca e de membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, Cristina Fernández sinalou “a situación sanitaria límite na que o goberno do PP na Xunta ten o centro de saúde ponteareán, cunha alarmante falta de persoal. Hai miles de persoas sen médico ou médica asignada, o que provoca que as persoas usuarias teñan que agardar ata cinco semanas para poder ter unha cita con algún médico de familia, véndose obrigadas en moitos casos a colapsar o servizo de Urxencias”, lamentou a deputada do Bloque.
O BNG puxo o foco tamén na Unidade de Saúde Mental de Ponteareas, que é a unidade de referencia para 50.000 persoas de toda a comarca. “Nun momento no que unha parte importante da nosa sociedade necesita este recurso, a unidade está sen unha das dúas psiquiatras e continúa cun único psicólogo, o que provoca que as persoas usuarias teñan que agardar ata un ano para seren atendidas”, denuncian.
Coa iniciativa presentada por Fernández, o BNG insta ao goberno a Xunta a “dotar o centro de saúde e o PAC de Ponteareas do persoal facultativo, de enfermaría e persoal non sanitario necesario para substituír as baixas laborais, vacacións e permisos e así prestar unha atención sanitaria digna á poboación de Ponteareas e a comarca”.
Ademais, o Bloque insta ao goberno galego a cubrir as vacantes de persoal en todos os centros de saúde da comarca para garantir unha atención estábel e que se evite a saturación, a sobrecarga das axendas e ter que acudir ao servizo de urxencias por non dispoñer de médico ou pediatra nos centros de saúde dos concellos.