O BNG iniciou unha ofensiva contra a colocación do cuñado da alcaldesa no Concello de Ponteareas
Presentamos un recurso extraordinario de revisión solicitando a anulación do seu reingreso no concello por incorrer en fraude de lei
O BNG iniciou unha ofensiva institucional, administrativa e xudicial contra a decisión do goberno de Nava Castro de recolocar no Concello de Ponteareas ao seu cuñado.
O Bloque, a través do seu concelleiro Xosé Carlos Vázquez, rexistrou un recurso extraordinario de revisión solicitando que se proceda á anulación do reingreso no concello de Carlos Ojea, por quedar acreditado que se realizou en evidente fraude de lei e desviación de poder.
Tal como expón no recurso, o Bloque lembra que “Carlos Ojea, cunha praza de analista operador de ordenadores, fora colocado a dedo por Pepe Castro á fronte da televisión municipal nos anos 90. Tras o peche da mesma, atopábase en excedencia voluntaria, estando a praza que ocupaba amortizada dende o ano 2005”.
O concelleiro do BNG sinala que “coa chegada da súa cuñada Nava Castro ao goberno local, reincorpórano ao Concello, colocándoo como traballador de medio ambiente cun informe falseado pola concelleira Silvia Fernández, que xustificaba que era moi necesario nese servizo. Seis meses despois, o concelleiro de Facenda, Francisco Jesús Represas, recoñece por escrito que nunca estivo traballando nese posto, polo que propoñen cambialo de posto adaptándolle as funcións. Isto desmonta a farsa de que era necesario para realizar traballos de medio ambiente e demostra un reingreso fraudulento ao Concello, por incumprir o informe de necesidade e desnaturalizar o procedemento utilizado”, asegura Xosé Carlos Vázquez.
Vázquez engade que “a desviación de poder é un concepto que describe situacións nas que se utiliza a súa posición de autoridade para lograr obxectivos persoais ou políticos, en lugar de cumprir coas responsabilidades de maneira imparcial e xusta. Cando se utilizan recursos e autoridade para beneficiar a amigos ou familiares en lugar de actuar en interese público, estase incorrendo nunha desviación de poder.”
“O tripartito de Nava Castro volve ás andadas, querendo converter o concello na súa particular oficina de colocación de familiares e amigos, como no pasado, porque o enchufismo e a corrupción van no seu ADN”, conclúe o BNG.