O BNG define a liña de traballo comarcal que seguirá Cristina Fernández no Parlamento

Cristina Fernández, con algunhas das persoas asistentes

Será a deputada adscrita ao Condado-Paradanta e a portavoz de Educación

O BNG define a liña de traballo comarcal que seguirá Cristina Fernández no Parlamento

A deputada do BNG, Cristina Fernández Davila, mantivo un encontro de traballo con cargos institucionais e orgánicos do BNG na comarca do Condado e A Paradanta, co obxectivo de definir as principais liñas de actuación da formación nacionalista neste territorio durante a lexislatura que vén de iniciar no Parlamento Galego.

Fernández Davila, que será a deputada do BNG adscrita á comarca, comprometeuse a traballar para mellorar a vida das persoas que nela habitan, percorrendo o territorio, mantendo un contacto permanente cos colectivos dos distintos sectores e trasladando as súas problemáticas ao Parlamento Galego. “Queremos escoitar, dialogar, intercambiar propostas e valoracións co conxunto da sociedade galega para explicarlle cal é a nosa alternativa de goberno”, indica o Bloque.

Entre as materias prioritarias, a deputada sinalou a preocupante situación sanitaria na comarca, con miles de persoas sen persoal médico e crianzas sen pediatra, a necesidade de transporte público digno, o medio ambiente, as infraestruturas viarias e a mobilidade, o emprego, a vivenda ou o benestar das persoas máis vulnerables.

Outra dos asuntos relevantes, segundo indicou a deputada, será "a situación do ensino público e das súas infraestruturas na comarca". De feito, Cristina Fernández será a portavoz de Educación do BNG no gabinete creado por Ana Pontón para traballar como "goberno alternativo" ao executivo do PP. "Un rigoroso labor de control, a proposta de alternativas para dar solucións aos problemas dos galegos e das galegas e man tendida para colaborar a favor de Galiza integrarán a folla de ruta coa que traballaremos no grupo parlamentario do BNG", sinalou a deputada ponteareá.

“Lideraremos a defensa dos intereses da veciñanza fronte ao abandono do Partido Popular na Xunta”, sinalou Cristina Fernández, “tras unhas eleccións nas que acadamos un resultado histórico no país e nesta comarca, que nos coloca como a esperanza de todas as persoas que pensan que Galiza merece moito máis e sitúa ao BNG como alternativa indiscutible ao PP”.

O BNG define a liña de traballo comarcal que seguirá Cristina Fernández no Parlamento