AS EMENDAS CÉNTRANSE EN NECESIDADES BÁSICAS COMO EDUCACIÓN OU SANEAMENTO

O BNG presenta propostas ante a discriminación a Ponteareas nos Orzamentos da Xunta para 2024

Q55A0737
Miguel Bouzó e Cristina Fernández no CEIP Feliciano Barrera, Guláns
O BNG presenta propostas ante a discriminación a Ponteareas nos Orzamentos da Xunta para 2024

O BNG vén de presentar no Parlamento Galego as súas emendas aos Orzamentos da Xunta para 2024, que se atopan en fase de tramitación e que, segundo denunciou o Bloque, “esquecen as necesidades de Ponteareas e abandonan as infraestruturas que son competencia da Xunta”.

O Bloque afirma que presenta “unhas propostas alternativas que recollen as demandas locais e que melloran o borrador de orzamentos da Xunta, demostrando que o BNG ten un proxecto político para a maioría social no que Ponteareas tamén conta, fronte un goberno do PP que está no tempo de desconto e que non ten nada que ofrecer a Ponteareas nin a este País”.

Entre as propostas presentadas polo BNG, destacan as relacionadas cos servizos básicos, como a educación ou o saneamento. Neste sentido, o Bloque céntrase en solicitar que os Orzamentos recollan partidas económicas para o CEIP Santiago de Oliveira e o CEIP Feliciano Barrera, de Guláns, onde o portavoz municipal, Miguel Bouzó, e a deputada no Parlamento Galego, Cristina Fernández, se reuniron coa comunidade educativa. “Estes centros precisan dunha ampliación para contar con ximnasio e comedor escolar, xa que son infraestruturas básicas, que fomentan a conciliación das familias e que levan anos solicitándoselle dende a comunidade educativa ao goberno do PP na Xunta”, sinalou a deputada.

Así mesmo, o Bloque reitera, agora a través dos Orzamentos, a necesidade de que a Xunta acometa obras de eficiencia enerxética nas aulas rurais do Colexio Rural Agrupado A Picaraña, “para poñer fin aos problemas de humidades e filtracións dunhas instalacións antigas e deterioradas”. O BNG tamén propón investimentos nos IES ponteareáns e nos CEIP Ramiro Sabell, Nosa Señora dos Remedios e Fermín Bouza Brey.

A formación que lidera Ana Pontón destaca tamén a necesidade de investir en saneamento, “nunha localidade na que máis de 8000 persoas carecen deste servizo”. Por iso, o BNG propón incorporar aos Orzamentos da Xunta “unha partida específica para que o saneamento na parroquia de Ribadetea non se quede só na previsión das obras da primeira fase, senón que se contemple o inicio da execución da segunda fase e a redacción do proxecto das fases restantes”.

Segundo informou a deputada Cristina Fernández, o BNG tamén incluíu nas súas propostas a escola infantil, a residencia de maiores, a mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas ou obras de restauración e mellora de elementos patrimoniais como a Ponte dos Remedios ou a Ponte das Partidas.

O BNG presenta propostas ante a discriminación a Ponteareas nos Orzamentos da Xunta para 2024