O GOBERNO DE CASTRO ATRASOU MEDIO ANO A SÚA APERTURA

O BNG congratúlase da posta en funcionamento do Centro de Dinamización Empresarial

W55A3868
Membros do BNG na inauguración
O BNG congratúlase da posta en funcionamento do Centro de Dinamización Empresarial

O BNG amosou a súa satisfacción tras a posta en funcionamento do Centro de Emprendemento e Dinamización Empresarial na Praza Maior de Ponteareas, un proxecto impulsado e executado polo goberno liderado polo Bloque para “contribuír á revitalización da economía e o emprego, fortalecendo as empresas e impulsando o inicio da actividade de novas persoas emprendedoras”

A concelleira do BNG Eva Gil lembrou que “os pasos para que hoxe poidamos ofrecer este servizo á veciñanza comezaron no 2016, ano no que logramos para Ponteareas 5 millóns de euros de fondos europeo para a estratexia urbana e iniciamos as negociacións coa Seguridade Social para adquirir as dúas plantas superiores do edificio da Praza Maior.

Posteriormente,realizáronse os numerosos trámites necesarios coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e, unha vez obtido o financiamento grazas á boa saúde económica do concello, no ano 2019 as dúas plantas do edificio pasaron a ser propiedade do concello cun investimento superior aos 150.000€.  

Paralelamente, realizouse un estudo de dinamización empresarial e impulso do emprendemento en Ponteareas, que analizou e avaliou as carencias e fortalezas marcando as liñas de necesidades de servizos e espazos que precisaba o sector económico local. Tras as reunións de participación veciñal para definir o espazo e unha vez obtidas as autorizacións sectoriais, no ano 2021 comézase o procedemento de contratación das obras, que saen a concurso público e inician no ano 2022 cun importe duns 400.000 euros.”

“Foi un proceso lento pola súa complexidade dada a cantidade de entidades implicadas, pero hoxe Ponteareas conta cunha ferramenta que marcará un antes e un despois no tecido socio-económico local grazas a xestión dun goberno do BNG”, salienta a formación nacionalista, destacando que “agora, o tripartito de Nava Castro aproveitase das rendas do noso traballo a pesar dos paus nas rodas que puxo o Partido Popular en distintas fases desta acción”.

Así mesmo, o BNG destaca que as obras remataron o pasado verán, “pero o goberno tripartito tardou medio ano en ser capaz de polo en marcha, demostrando a súa incapacidade e o seu desprezo a un sector fundamental para que Ponteareas avance”.

 

O BNG congratúlase da posta en funcionamento do Centro de Dinamización Empresarial