AS PERSOAS USUARIAS AGARDAN MÁIS DUN ANO POR UNHA CITA PARA O PSICÓLOGO

O Parlamento debaterá a iniciativa do BNG para mellorar a Unidade de Saúde Mental de Ponteareas

Deputadas Cristina Fdez e Montse Prado no CS Ponteareas
As deputadas Montse Prado e Cristina Fernández ante o Centro de Saúde de Ponteareas
O Parlamento debaterá a iniciativa do BNG para mellorar a Unidade de Saúde Mental de Ponteareas

O Parlamento Galego debaterá nos vindeiros días unha iniciativa do BNG para mellorar a Unidade de Saúde Mental de Ponteareas. Así o anunciou a deputada e concelleira ponteareá, Cristina Fernández Davila, denunciando “a precaria situación deste servizo de referencia para máis de 50.000 persoas de toda a comarca”.

“Solicitamos a ampliación de prazas do cadro de persoal da Unidade de Saúde Mental de Ponteareas para poder atender toda a demanda. É indecente e inmoral que as persoas usuarias que precisan apoio teñan que agardar máis dun ano pola súa cita co único psicólogo do servizo”, denunciou Cristina Fernández.

Na iniciativa, o Bloque solicita tamén garantir a cobertura das prazas actuais. A deputada nacionalista sinalou que “cando unha das dúas psiquiatras permaneceu de baixa laboral non foi substituída e anuláronse as citas durante meses a persoas que precisaban atención psiquiátrica e levaban xa demasiado tempo agardando a cita”.

“Nun momento no que unha parte importante da nosa sociedade está pedindo axuda, o Servizo Galego de Saúde non da a resposta que se precisa, deixando soas a moitas persoas que en ocasións non teñen máis axuda que unha caixa de ansiolíticos ou antidepresivos. Estamos a falar de algo moi grave e que afecta cada vez a máis persoas. A saúde mental non pode depender de se teñen ou non cartos na conta bancaria para pagar un psicólogo ou un psiquiatra”, reflexionou Cristina Fernández.

A deputada do Bloque lembrou que hai dous anos que se puxo en marcha esta Unidade “grazas á presión da veciñanza e do goberno local liderado entón polo BNG, pero cada mes que pasa o servizo acumula máis lista de agarda, incumprindo as expectativas e empeorando a espera que a veciñanza ponteareá e da comarca soportaba cando se desprazaba a Vigo”.

“Estamos ante un problema dunha enorme magnitude, que provoca moito sufrimento a centos de persoas, e non se pode abordar nin con propaganda nin con anuncios dun novo edificio futuro, senón con medias concretas inmediatas e con recursos económicos e humanos”, afirmou Cristina Fernández.

O Parlamento debaterá a iniciativa do BNG para mellorar a Unidade de Saúde Mental de Ponteareas