O BNG solicita o arranxo da estrada PO-253, que cruza as parroquias de Prado, Pías, Fozara e Paredes
O Pleno debaterá este martes iniciativas do BNG solicitando investimentos á Xunta
O BNG vén de demandar actuacións de mantemento e conservación na estrada PO-253, de titularidade da Xunta, que une Ponteareas con Pazos de Borbén.
Concelleiras e concelleiros do BNG en Ponteareas, entre os que se atopaba a deputada no Parlamento Galego Cristina Fernández Davila, visitaron este luns a zona e comprobaron in situ “o calamitoso estado de conservación de varios treitos desta estrada, tal como denuncia a veciñanza das parroquias de Prado, Pías, Fozara e Paredes, que realizan a diario os seus traxectos entre treitos con fochancas e desniveis nesta estrada”.
Cristina Fernández trasladará ao Parlamento Galego a demanda de “accións para a reparación da capa de rodamento desta estrada e a mellora da súa conservación para garantir a seguridade viaria da veciñanza que por ela transita”.
Proposta ao Pleno para os Orzamentos da Xunta
O BNG presentou unha batería de iniciativas, que se debaterán no Pleno deste martes en Ponteareas, para que o conxunto da Corporación solicite á Xunta incorporar nos Orzamentos de 2025 unha serie de “necesidades vitais para Ponteareas”, entre as que propoñen a mellora desta estrada.
Tamén solicitan melloras na PO-402, que atravesa as parroquias de Cumiar e Guillade, e na PO-403, que une Ponteareas e Salvaterra, incluíndo a realización dun proxecto técnico que garanta os itinerarios peonís que conectan a parroquia de Moreira coa vila e dando solución a un treito de 300 metros que acumula até oito enlaces de entrada ou saída coa autovía A-52.
Ademais das infraestruturas viarias, o BNG solicita que a Xunta recolla nos Orzamentos partidas económicas para construír unha nova infraestrutura deportiva que solucione a demanda de espazos dos clubs e deportistas locais para exercer a súa actividade, unha partida para renovar e ampliar centros educativos ponteareáns para dotalos de novos servizos e partidas para iniciar a execución da segunda fase do saneamento de Ribadetea e a redacción do proxecto das fases restantes.
O Bloque solicita tamén que o Xunta comprometa nos Orzamentos o apoio económico para servizos que asume o Concello e son competencia autonómica, como a Escola Infantil, a Residencia de persoas maiores ou o Conservatorio de Música.