O BNG critica a “desvergonza do PP" por enganar á poboación co novo centro de saúde
O BNG respondeu con dureza ao recente anuncio no que a Xunta informou que licitará este ano a redacción do proxecto para a construción do novo centro de saúde.
O Bloque criticou a “desvergonza do PP, que mentres mantén desmantelado e sen persoal o actual centro de saúde, continúa realizando anuncios propagandísticos tentando convencer á poboación de que un novo edificio máis grande solucionará o problema e traerá máis persoal a Ponteareas. Basta xa de que o PP engane á poboación: se din que hai médicos e médicas para atender nun novo centro, que os destinen xa ao actual”, reclamou o BNG.
“No actual edificio hai espazo, o que faltan son médicos e médicas”, asegurou a formación nacionalista, lamentando que a prioridade para o goberno de Nava Castro é “gañar o relato a calquera prezo, aínda que este sexa fraudulento. Utilizan a propaganda co novo centro de saúde como cortina de fume, pretendendo ocultar a nefasta política de desmantelamento da sanidade pública por parte do PP na Xunta. Prefiren defender o seu partido en vez de unirse ao clamor da veciñanza que padece esta situación e reclama máis persoal médico para Ponteareas”.
O BNG recalcou que “miles de persoas non teñen médico nin médica asignada e hai que agardar case dous meses por unha cita, pero o PP sigue emperrado en construír un novo edificio a toda présa, porque non lles preocupa a situación sanitaria da poboación, o que lles importa é o beneficio dos seus coa compra dos terreos para construír o centro fronte á clínica privada da concelleira do PP, Raquel Plana”.
Ao respecto da localización do novo edificio, o Bloque lembrou que para a construción do futuro centro de saúde xa había outros terreos, “pero o PP puxo o trato de favor á súa concelleira por diante das análises realizadas polo propio equipo técnico da Xunta que valorou como máis idónea unha parcela na N-120 que saía gratuíta ao Concello. A desvergonza do PP non ten límites”.
O BNG, que iniciou a pasada semana unha recollida de sinaturas para reclamar máis persoal sanitario na localidade, sinalou que continuará esta reivindicación porque se trata dun asunto “vital” para a poboación. “A política sanitaria do PP pon en risco a saúde e a vida das persoas, e dende o BNG relanzaremos a ofensiva social e institucional en defensa da sanidade pública para garantir unha atención sanitaria digna”, concluíron.