O BLOQUE ESIXE AO GOBERNO DIÁLOGO PARA EVITAR A DEMOLICIÓN DO ANTIGO EDIFICIO
A nova escola infantil: unha infraestrutura posible grazas a aprobación do Plan Urbanístico
O BNG lembra “décadas de mentiras e bloqueo do PP a esta infraestrutura”
“A nova escola infantil de Ponteareas é xa unha realidade grazas á aprobación do Plan Urbanístico polo goberno do BNG”, sinala o Bloque, despois de que a nova infraestrutura iniciase este luns a actividade no parque Ferro Ucha.
A líder do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández, lembrou que “o PP mentiu de forma reiterada e bloqueou durante décadas esta infraestrutura pola súa absoluta incapacidade para aprobar o Plan Urbanístico”. Ademais, denuncia que o PP “non só paralizou esta infraestrutura esencial, senón que xogou coas expectativas das familias de Ponteareas, condenándoas a anos de espera e promesas baleiras mentres era incapaz de ofrecer ningunha solución real”.
A esta parálise súmase, ademais, o custo económico derivado dun convenio de cesión asinado polo Partido Popular cos propietarios da parcela, que obrigaba ao Concello a pagar 2.000 euros mensuais mentres o Plan Urbanístico permanecese sen aprobar.
“Coa chegada do BNG ao goberno, esta situación foi revertida”, lembrou Cristina Fernández. A aprobación do PXOM no 2021 puxo fin a este prexuízo económico e permitiu desbloquear definitivamente a construción dunha nova escola infantil que responde a unha demanda histórica da veciñanza. “Estamos a falar dun dereito básico, que ningún neno nin ningunha nena quede sen a oportunidade de medrar nunha escola infantil pública”, subliña.
O BNG lamenta que o PP “só se preocupe pola propaganda, aproveitándose do traballo serio, responsable e planificado realizado polo BNG dende a alcaldía, despois de anos de inacción da dereita. A realidade é clara: primeiro o BNG traballa e agora o PP ponse a medalla”, afirman.
O Bloque esixe ao goberno diálogo para evitar a demolición do antigo edificio
O Bloque pon agora o foco no futuro do edificio destinado até hoxe a escola infantil. A formación esixe ao goberno tripartito que abra un proceso de diálogo para definir os seus posibles usos e evitar a súa demolición. Ademais, nas pasadas semanas, o BNG xa rexistrou no Concello unha batería de preguntas ao goberno de Nava Castro e a dereita en relación coas súas intencións de derrubar a edificación.
“O antigo edificio pode e debe seguir tendo unha utilidade social para Ponteareas”, defenden desde o BNG, apostando en primeiro lugar por analizar a necesidade de máis prazas públicas na localidade e por estudar alternativas que dean resposta ás necesidades da veciñanza. “Non ten sentido destruír un espazo que pode ser aproveitado con visión e responsabilidade”.
Desde o BNG conclúen que Ponteareas está ante unha oportunidade para avanzar con proxectos que melloren a calidade de vida da súa veciñanza, e reivindican o seu proxecto como “a alternativa de goberno capaz de garantir unha xestión eficaz, responsable e centrada nas persoas, fronte a quen xa demostrou a súa incapacidade para dar resposta ás necesidades reais da vila”.