O BNG lamenta que o goberno de Castro leve tres anos enredando co campo de fútbol de Oliveira

Campo Rabel Oliveira
Campo do Rabel, Santiago de Oliveira

O Bloque esixe celeridade para licitar as obras e lembra que xa existía un proxecto consensuado dende 2022

O BNG lamenta que o goberno de Castro leve tres anos enredando co campo de fútbol de Oliveira

O BNG criticou que o goberno de Nava Castro leve tres anos “enredando e facendo propaganda” coa renovación do campo de fútbol municipal do Rabel, na parroquia de Santiago de Oliveira, á vez que pediu celeridade para que as obras sexan realidade.

A través do concelleiro Miguel Bouzó, o Bloque sinalou que “o Concello conta dende o 2022 cun proxecto para dotar de céspede artificial o campo de fútbol de Oliveira, encargado polo goberno do BNG, cumprindo así unha demanda histórica da parroquia e da SD Oliveira como club usuario das instalacións. No 2023 chegou a dereita ao goberno e decidiu descartar directamente o proxecto, que xa fora consensuado coa directiva do club, en vez de adaptalo e iniciar a tramitación das obras, ao considerar o PP que non era unha actuación prioritaria”.

Ante o anuncio da sinatura dun convenio coa Federación Galega de Fútbol, o BNG reclámalle ao goberno "celeridade” para que o proxecto sexa licitado o antes posible e que a renovación destas instalacións municipais sexa unha realidade. “Tras tres anos de propaganda e improvisación do goberno da dereita, xa é hora de que a veciñanza, a directiva, os membros da SD Oliveira e o conxunto do tecido deportivo ponteareán poidan contar cunhas instalacións acordes á actualidade”, engadiu.

Nese sentido, Bouzó lamentou a “hipocrisía” do tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera (ACIP). “No 2023, cando xa coñecía o proxecto e estaba na oposición, pediu adaptalo para facer unha actuación menos ambiciosa e iniciar as obras no ano seguinte. Pero dende que chegou ao goberno estivo enredando e atrasando interesadamente a actuación, descartando o proxecto existente en vez de adaptalo, provocando unha perda de tempo e impedindo que Santiago de Oliveira conte coas instalacións que merece”.

O BNG reafirmou o seu compromiso cunha Ponteareas viva e dinámica, na que a veciñanza e o tecido deportivo conten con instalacións á altura das súas necesidades.

O BNG lamenta que o goberno de Castro leve tres anos enredando co campo de fútbol de Oliveira