Os informes de Intervención sinalan inestabilidade e irregularidades nas contas de Ponteareas

undefined

O BNG denuncia descontrol na xestión económica, contratacións irregulares e un aumento das subvencións a dedo

Os informes de Intervención sinalan inestabilidade e irregularidades nas contas de Ponteareas

O BNG fixo públicos os detalles dos informes de Intervención Municipal vinculados á liquidación do orzamento do 2025 en Ponteareas, que, segundo sinalan, “evidencian a inestabilidade orzamentaria do Concello e deixan ao descuberto un descontrol absoluto na xestión, así como prácticas irregulares sistemáticas por parte do goberno de Nava Castro e a dereita”.

Da liquidación do orzamento de 2025 derívase un remanente de tesourería para gastos xerais negativo de case 320.000 euros, que, unha vez axustado, supera os 350.000 euros de déficit. Tal como indica o informe, “este remanente de tesourería para gastos xerais axustado pon de manifesto a situación financeira real na que se atopa a entidade a curto prazo”. Neste sentido, o documento advirte que será necesario proceder á redución de gastos por contía igual ao déficit producido, tal e como xa adiantara o BNG.

Ademais, o informe de control do exercicio 2025, que recolle os resultados máis significativos en materia económica, sinala numerosas irregularidades cometidas polo goberno local, a pesar das advertencias técnicas da Intervención Municipal. Así, ademais dos habituais gastos realizados sen tramitar as esixencias normativas para os contratos, advírtense situacións graves como o pago de facturas que non corresponden a gastos propios do Concello ou a omisión de requisitos esenciais en certificacións de obras, por non constar a recepción ou por falta de formalización do contrato.

Así mesmo, o goberno disparou nun 74% as subvencións nominativas, reforzando un modelo de reparto a dedo fronte aos principios de concorrencia, transparencia e igualdade de oportunidades. A maiores, a propia Intervención emitiu reparos en varias axudas por non existir convenios aprobados ou por non cumprir cos requisitos de publicidade obrigatoria.

Para o BNG, estes datos “non son feitos illados, senón a confirmación dun modelo de xestión baseado no descontrol, o amiguismo e o despilfarro dos recursos públicos con criterios partidistas”. A formación nacionalista alerta de que “Ponteareas está a retroceder a etapas que xa se crían superadas”.

“Os desequilibrios na liquidación de 2025 e a obriga de adoptar medidas de saneamento evidencian unha inestabilidade orzamentaria estrutural”, afirma o BNG. “Estamos ante un goberno incapaz de xestionar con rigor os cartos públicos, máis preocupado pola propaganda que por frear o deterioro evidente das contas municipais”, denuncia o Bloque, ao tempo que esixe “un cambio de rumbo urxente na xestión económica municipal”.

Os informes de Intervención sinalan inestabilidade e irregularidades nas contas de Ponteareas