O BNG pregunta ao goberno local polas previsións de uso do edificio da actual escola infantil
O Bloque cuestiona unha posible demolición dun inmoble recentemente rehabilitado con fondos europeos
O BNG vén de rexistrar no Concello de Ponteareas unha batería de preguntas dirixidas ao goberno local en relación coas supostas intencións de derrubar a edificación que actualmente alberga a escola infantil municipal, segundo se puido coñecer a través de diversos medios de comunicación.
“Trátase dun edificio no que, co BNG na alcaldía, se realizaron obras de rehabilitación enerxética, cun investimento superior aos 100.000 euros, financiadas nun 80% con fondos europeos, seguindo a estratexia urbana Ponteareas Hábitat Saudable”, lembra o Bloque.
A formación nacionalista sinala que “tras a decisión do goberno de Nava Castro e a dereita de converter o que ía ser un centro cívico nunha residencia puntual para artistas, Ponteareas carece de espazos nos que prestar determinados servizos municipais ou nos que os colectivos sociais poidan desenvolver as súas actividades, polo que non sería aceptable a demolición dun dos poucos edificios municipais cos que conta a localidade”.
Neste sentido, o BNG solicita ao goberno ponteareán que aclare cales son as súas intencións reais respecto ao edificio, así como os posibles usos alternativos que se barallan e se existe algún informe técnico que xustifique unha eventual demolición.