O BLOQUE DESTACA A TRAXECTORIA DO COMPOSITOR PONTEAREÁN LIGADA SEMPRE Á VILA
O BNG logra a unanimidade da Corporación para homenaxear Rogelio Groba no seu cabodano
O BNG logrou o apoio da Corporación de Ponteareas para pór en marcha unha comisión promotora que coordine os actos de homenaxe ao músico Rogelio Groba no aniversario do seu pasamento. O Bloque apunta a este acto como “mostra de gratitude polo seu compromiso incansable coa creación musical culta galega, polo seu legado musical e por abrir camiños para a formación de novos músicos e novos públicos na nosa vila”.
A Corporación acordou tamén “á posta en valor do Proxecto Groba, en coordinación coa Fundación Rogelio Groba, con presenza continuada da obra e o legado do Mestre na actividade do Conservatorio Municipal e das agrupacións musicais ponteareás”
Na iniciativa, defendida no Pleno pola concelleira Cristina Fernández, o BNG sinala que o ponteareán Rogelio Groba Groba, nacido na parroquia de Guláns no ano 1930, “dedicou a práctica totalidade da súa vida á música, dándolle a Galiza un gran pulo no eido da chamada `música culta´. Primeiro como instrumentista na Banda de Música Unión de Guláns, logo como director da mesma con só 17 anos e de moitas outras bandas, coros e orquestras. Posteriormente exerceu como profesor no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, do que foi director durante máis de vinte anos, e fundou varios conservatorios”, lembra a formación nacionalista.
O BNG destaca que o seu gran legado é o da composición. “O Mestre Groba compuxo máis de 720 obras, moitas delas aínda sen seren estreadas, converténdose nun dos compositores máis prolíficos de todo o Estado español”, salientan.
No 2005, a proposta do BNG e por unanimidade da Corporación, Rogelio Groba foi nomeado Fillo Predilecto de Ponteareas. “A súa vinculación con Ponteareas foi total ao longo da súa vida e unha constante no traballo compositivo”, resalta o Bloque. Entre a súa obra, destacan numerosas obras inspiradas en Ponteareas ou no seu Guláns natal.
Na última década, o vínculo con Ponteareas estreitouse coa organización do Festival Groba, un festival de excelsa calidade, referente no noso país e que na actualidade acadou consolidarse como epicentro anual da música de cámara. Dende o 2016, Ponteareas ten unha rúa co seu nome, e no 2020 o Concello, a Fundación Rogelio Groba e a Deputación, editaron dous libros que difunden a figura e vivencias do Mestre ponteareán, proposto aos Premios Princesa de Asturias das Artes 2021.
“O vindeiro 31 de decembro cumprirase un ano do seu pasamento, e Ponteareas debe estar a altura e dar un novo paso no recoñecemento á figura de D. Rogelio Groba Groba e á súa traxectoria”, conclúe o BNG.