O BNG lamenta que a Xunta esqueza Ponteareas nos Orzamentos para 2024
A deputada Cristina Fernández sinalou que o goberno do PP na Xunta non destina nin un euro ás demandas realizadas polo conxunto da Corporación
O BNG realizou en Ponteareas unha valoración do proxecto de Orzamentos presentado pola Xunta de Galiza para 2024, que están na fase de tramitación no Parlamento Galego.
A través da deputada e concelleira Cristina Fernández Davila, o Bloque sinalou que se trata duns orzamentos que “unha vez máis, esquecen as necesidades de Ponteareas e abandonan as infraestruturas nos servizos básicos que son competencia da Xunta e precisan actuacións urxentes para o seu funcionamento diario”.
Fernández Davila lamentou que “malia que o Pleno da Corporación Municipal trasladou á Xunta unha serie de necesidades consideradas prioritarias por unanimidade dos grupos políticos, o goberno do PP na Xunta ignorou as demandas de Ponteareas e presentou uns orzamentos que non destinan nin un euro para dar solución a esas necesidades”.
A deputada sinalou que “son os Orzamentos dun goberno que está no tempo de desconto e que nada ten que ofrecer a Ponteareas nin a este País”. Neste sentido, o BNG iniciou unha rolda de encontros con distintos colectivos para recoller as súas apreciacións e adiantou que aproveitará toda a tramitación parlamentaria para “presentar alegacións que recollan as necesidades de Ponteareas e melloren no posible os orzamentos da Xunta para 2024, demostrando que o BNG ten un proxecto político para a maioría social no que Ponteareas tamén conta.”