PROPOREMOS UN REGULAMENTO DE USO DO SALÓN DE PLENOS

O BNG lamenta o uso privado do salón de Plenos mentres se prohibe aos grupos políticos

Cata viños salón de plenos - Concello
Nos últimos días utilizouse para unha cata de viños e un evento privado dunha entidade financeira
O BNG lamenta o uso privado do salón de Plenos mentres se prohibe aos grupos políticos

O BNG ven de amosar a súa desconformidade co uso que o goberno de Nava Castro lle está a dar ao salón de Plenos da Casa do Concello. “Despois de prohibir aos grupos políticos da Corporación usar este espazo municipal para manter xuntanzas relacionadas coa institución, permiten outros usos alleos á Corporación, como unha cata de viños e conservas con amigas e familiares ou unha reunión privada dunha entidade financeira para ofrecer os seus produtos a empregadas e empregados municipais”.

O Bloque sinala que estes feitos demostran que “a alcaldesa non prohibe o uso do salón ás organizacións políticas porque estea reservado para actos solemnes ou institucionais, senón porque pretende pór trabas á nosa labor como parte da Corporación Municipal”. Así, a formación nacionalista considera estes feitos “unha nova mostra do comportamento arbitrario e antidemocrático do goberno local, que continúa dificultando a participación da oposición na vida política da vila impedindo o acceso a espazos públicos e mesmo a documentación básica á que por lei deben ter acceso todos os membros da corporación”.

O BNG adiantou que proporá “a elaboración dun regulamento para o uso deste espazo municipal, evitando así que sexan os criterios arbitrarios da alcaldesa e do seu goberno os que rexan a concesión ou non dun espazo público”.

O BNG lamenta o uso privado do salón de Plenos mentres se prohibe aos grupos políticos