O BNG FAI BALANCE DO GOBERNO DE NAVA CASTRO

Un ano nefasto de caprichos, malgasto, irregularidades e beneficios para os seus

O Bloque ve no goberno da dereita un freo aos avances e transformacións logradas

Tacha de irresponsábel a xestión económica dun tripartito que esquece o rural
Un ano nefasto de caprichos, malgasto, irregularidades e beneficios para os seus

O BNG fixo balance do primeiro ano de goberno de Nava Castro, cualificándoo como “un ano nefasto para Ponteareas”. A través do seu portavoz municipal, Miguel Bouzó, o Bloque sinalou que “este goberno supuxo un freo aos avances e transformacións logradas na localidade nos últimos anos, e confirmou a intención da dereita de instaurar un regreso ao pasado escuro para Ponteareas do que sairamos no 2015.”

“Cando chegaron ao goberno contaban con tres grandes infraestruturas en marcha, financiadas cos fondos europeos logrados polo goberno do BNG: o Centro de Dinamización Empresarial, un Centro Cívico para colectivos, asociacións, servizos sociais e mocidade, na Praza Maior, e un novo equipamento sociocultural cunha praza cuberta para actividades, na nave de Aceiros”, lembrou Bouzó.

“Para cumprir os caprichos da alcaldesa, renunciaron ao Centro Cívico e aproveitáronse do traballo de rehabilitación deste edificio para crear nel un albergue con pensión completa para artistas, prexudicando ao tecido social da vila e dedicando fondos públicos a exercer unha competencia desleal a hostalaría local. O tripartito de Castro tamén mudou o proxecto da nave de Aceiros, para facer alí outro Mercado e pechar o actual, perdendo así tempo e diñeiro e desfacéndose da renovación que estaba proxectada polo BNG para que o Mercado actual fose un novo espazo comercial, moderno e con aparcadoiro interior”, lamentou o portavoz do Bloque.

“Isto demostra a irresponsabilidade e indiferenza coa que que xestionan o diñeiro de todas e todos”, sinalou Bouzó, que fixo fincapé na “nefasta xestión económica do tripartito”. “Cando chegaron ao goberno contaban con máis de 12 millóns de euros retidos e autorizados para gastos fixos do Concello, e mesmo así deixaron facturas sen pagar, e empresas ou provedores agardando meses. Para ocultar a súa incompetencia, decidiron inventar a trola dunha suposta débeda que, a día de hoxe, aínda non conseguiron demostrar”, sinala o portavoz nacionalista.

Ademais, o BNG destaca “as continuas irregularidades” que comete o goberno liderado polo PP na xestión municipal, que inclúen “o pago de facturas falsas a unha empresa de comunicación por servizos non realizados, a contratación dunha empresa para subministracións que xa estaban noutro contrato ou o fraccionamento de contratos para adxudicalos a dedo en lugar de convocar concursos públicos aos que poida optar calquera empresa.”

“Mentres teñen facturas sen pagar e recortan o apoio ás necesidades de colectivos e veciñanza, continúan acometendo gastos innecesarios para caprichos da alcaldesa, como 12.000 euros nunha alfombra, 30.000 euros en tea ou máis de 100.000 euros no valado de Corpus”. “A súa preocupación é beneficiar aos seus, por iso Nava Castro, ademais de favorecer a empresas amigas, recolocou ao seu cuñado no concello, onde xa fora colocado a dedo nos anos 90, e beneficia á súa concelleira Raquel Plana, mercando terreos para construír un novo centro de saúde fronte á súa clínica privada familiar. Volven ás andadas, querendo converter o Concello na súa particular oficina de colocación de familiares e amigos, como no pasado, porque o enchufismo e a corrupción van no seu ADN, é a esencia vital do PP”, insiste o BNG.

Miguel Bouzó destacou tamén o esquecemento do rural. “Mentres gastan miles de euros en plantas para parques e xardíns do centro da vila, os parques infantís das parroquias están completamente abandonados, cos elementos de xogo inutilizables e ocultos pola maleza”. Ademais, o Bloque afea ao tripartito as mentiras co saneamento, lembrando que “o BNG logrou a ampliación da depuradora, e a pesar das promesas de Nava Castro de completar o saneamento en todas as parroquias en só dous anos, xa pasou un e non se produciron avances significativos”.

Así mesmo, o edil do Bloque lembrou “o retroceso en materia de mobilidade, provocando que o espazo público volva estar invadido polos coches. O tripartito actúa a golpe de ocorrencias e caprichos para rachar co traballo executado polo BNG con rigor e planificación”. En canto á dinamización da vila, lamentou a redución da actividade cultural e educativa e a desaparición de eventos consolidados como a Semana das Ciencias ou o Festival Internacional de Teatro de Rúa. “Neste ano xa pasaron tres concelleiros distintos pola área de Cultura, pero a actividade cultural municipal continúa a ser anecdótica na vila e inexistente nas parroquias, sendo os colectivos sociais os que se afanan para poder ofrecer actividades á veciñanza.”

Bouzó concluíu denunciando “as actitudes antidemocráticas do goberno tripartito de Nava Castro (PP), Juan Carlos González (ACIP) e Mingos Freitas (IP), que foxen da participación e a transparencia e mesmo dificultan o traballo do BNG, impedindo o acceso a documentación básica ou a dependencias municipais, incumprindo acordos adoptados e faltando ao respecto nos plenos con interrupcións e provocacións”.

“Como forza alternativa de goberno, o BNG seguirá traballando na defensa dos intereses veciñais, procurando unha xestión responsábel, transparente e dende a participación democrática, co obxectivo de garantir que se atendan as necesidades das persoas e entidades de Ponteareas”, sentenciou o portavoz do Bloque.

Un ano nefasto de caprichos, malgasto, irregularidades e beneficios para os seus