O BNG denuncia unha trama de irregularidades nos contratos do valado de rúas en Corpus

undefined

O tripartito contratou por 14.500€ unha empresa acabada de constituír para subministrar tapas que xa figuraban no contrato de 80.000€ con outra empresa

Finalmente a empresa das tapas realizou o valado das rúas, adxudicado a outra empresa nun concurso público no que ambas estaban involucradas

O BNG denuncia unha trama de irregularidades nos contratos do valado de rúas en Corpus

O BNG ven de denunciar o que considera “un novo escándalo” na xestión do goberno tripartito de Nava Castro en Ponteareas. Segundo denuncia o concelleiro do BNG, Xosé Carlos Vázquez, “a contratación dos valados para pechar as rúas en Corpus desembocou nunha trama de irregularidades e tramitacións con manobras indebidas”.

Xosé Carlos Vázquez, BNG
Xosé Carlos Vázquez, BNG

O concelleiro do BNG sinala que “o goberno local sacou a concurso público un contrato para o valado das rúas no percorrido das alfombras de Corpus. Dito servizo incluía a perforación das rúas con buratos cada dous metros, a confección de 1.400 valos, a súa instalación, a desmontaxe e o posterior tapado dos buratos, incluíndo a subministración de 1.400 tapas”

Vázquez indica que “o goberno adxudicou o contrato por 80.000 euros á empresa gañadora do concurso público, pero paralelamente contratou a dedo a outra empresa para a subministración de 2.600 tapas para os buratos das rúas, o que supuxo destinar outros 14.500 euros a este material que xa estaba incluído no anterior contrato e tiña que aportar a empresa inicial”. O concelleiro nacionalista apunta que “curiosamente, esta mesma empresa, que se constituíu o 15 de maio, xa fixera un mes antes un estudo de mercado para establecer o prezo do concurso público para o valado das rúas”.

Ademais, segundo puido comprobar o BNG nos expedientes aos que tivo acceso, “antes de adxudicar o contrato a dedo, o goberno solicitou 3 ofertas para a subministración das tapas a tres profesionais a sabendas de que gardaban relación entre si, sumando unha nova irregularidade e convertendo o proceso de contratación nun auténtico paripé para aparentar que o procedemento era correcto”, denuncia Xosé Carlos Vázquez.

A pesar de que o contrato se trataba unicamente da subministración de 2.600 tapas, cando só hai 1.400 buratos, esta empresa o que fixo en realidade foi todo o traballo relacionado co valado das rúas que tiña que facer a empresa gañadora do concurso e que incluía a perforación, montaxe, desmontaxe e colocación das tapas, sen que o concello achegase ningún persoal municipal como recollían os pregos da contratación.

“Estamos ante unhas actuacións que incorren de forma clara en evidentes irregularidades, e que supoñen un novo episodio de manobras turbias e tramitacións indebidas do goberno de Nava Castro e o Partido Popular. Coa complicidade de Juan Carlos González (ACIP) e Mingos Freitas (IP), o PP segue unha dinámica de gasto sen control para cumprir os caprichos da alcaldesa, innecesarios para o conxunto da poboación, en vez de destinar o diñeiro ás verdadeiras necesidades da veciñanza”, lamenta o concelleiro do Bloque.

Por iso, o BNG anunciou a realización dunha batería de preguntas no Pleno deste martes “para que o goberno local responda ante todas as irregularidades desta trama, esclarecer este caso e depurar responsabilidades. Preguntaremos, entre outras cuestións, quen foi o responsable político destas accións, por que non fixo o traballo a empresa adxudicataria e o fixo outra contratada a dedo, por que se contratou esta segunda empresa ou onde están todas as tapas contratadas”.

O concelleiro do BNG acrecenta que “mesmo antes de estar adxudicado o contrato, a Interventora Municipal xa advertiu nun informe que se observou a existencia dunha serie de perforacións nas rúas, polo que estariamos ante unha irregularidade administrativa, ao iniciarse a execución do contrato antes da súa adxudicación e formalización. O concelleiro Francisco Jesús realizou un informe indicando que foi a empresa quen o decidiu pola súa conta e risco, sen autorización do Concello, o que provocou que a interventora emitise un informe de fiscalización instando a abrir un expediente para depurar responsabilidades á empresa que realizou perforacións sen autorización e, no seu caso, impoñer sancións por danos a bens municipais

Finalmente, Xosé Carlos Vázquez expresou a súa sorpresa polo xeito de proceder co pago da factura a esta empresa. “Mentres, por exemplo, o deseñador do cartel de Corpus tardou meses en cobrar a súa factura, o goberno ordenou o pago inmediato a esta empresa polo traballo realizado, ao día seguinte de adxudicalo, o que demostra unha xestión nefasta, arbitraria e pouco rigorosa dos cartos de todas e todos, que ademais prexudica a empresas e persoas provedoras”.

O BNG denuncia unha trama de irregularidades nos contratos do valado de rúas en Corpus