O BNG denuncia o estado de abandono do Castro de Troña
Múltiples persoas marcharon decepcionadas ao atopalo invadido pola maleza e cos accesos intransitábeis
O BNG criticou o “abandono e a desidia” do goberno local de Ponteareas co Castro de Troña, “unha xoia do patrimonio arqueolóxico e natural, que representa un dos principais recursos turísticos da nosa contorna e presenta un estado lamentable, invadido pola maleza e cos accesos intransitábeis”.
“Mentres nas canles oficiais do Concello o tripartito presume deste recuso turístico, na realidade téñeno esquecido, coa maleza sobre as construcións castrexas e as murallas do propio recinto fortificado”, denuncia a formación nacionalista.
O Bloque sinalou que este poboado castrexo, catalogado como Ben de Interese Cultural, posúe unha grande riqueza patrimonial e recibe milleiros de visitas ao longo do ano por ser un dos máis importantes do país. “Nos últimos días, coincidindo coa celebración de eventos deportivos na contorna, foron moitas as persoas que visitaron este recurso turístico e marcharon decepcionadas polo calamitoso estado no que se atopa, dando unha imaxe deplorábel da nosa vila ao conxunto de visitantes”, asegura o Bloque.
Así mesmo, lamenta que “o PP anunciou que investirán dende a Deputación de Pontevedra ducias de miles de euros nun proxecto museográfico virtual, pero nin dende o Concello nin dende a Deputación son capaces sequera de realizar unhas mínimas labores de limpeza e mantemento neste espazo”.
O BNG insta ao goberno local a realizar de maneira urxente os traballos de limpeza e manter o espazo en condicións, dinamizándoo para sumalo aos múltiples atractivos cos que conta Ponteareas para o tempo de lecer da nosa veciñanza e visitantes.