O BNG inicia o curso político reforzando o seu proxecto como alternativa de goberno
O BNG ponteareán estableceu a súa liña de traballo tras o inicio do novo curso político. A formación nacionalista, que lidera Cristina Fernández, anunciou un intenso traballo centrado en facer un rigoroso labor de control ao goberno local e explicar as propostas do BNG para resolver os problemas da veciñanza, acompañando as críticas coas solucións alternativas.
“Continuaremos destapando as irregularidades e a nefasta xestión dun goberno que instaurou o regreso ao pasado en Ponteareas e supuxo un freo aos avances e transformacións logradas na localidade nos últimos anos”, indicou o BNG. “A recente denuncia ante a Fiscalía das irregularidades na contratación municipal é só o comezo dun conxunto de accións que poremos en marcha para delatar os despropósitos do goberno de Castro e a dereita”.
Así mesmo, o Bloque informou que está mantendo encontros coa súa base social e electoral e que continuará “en contacto permanente co tecido social da localidade, dialogando e intercambiando propostas co conxunto da sociedade ponteareá co obxectivo de reforzar e actualizar o proxecto co que pretendemos acadar a confianza da veciñanza e no 2027 devolver a Ponteareas un goberno eficaz, competente e ao servizo das persoas”.
Neste sentido, o BNG afirmou que, acompañando ese proceso de escoita, como alternativa de goberno intensificará dende o inicio deste novo curso político a presentación de iniciativas e propostas para dar solución ás necesidades do día a día da veciñanza. Así, enumerou asuntos relacionados coas infraestruturas e servizos básicos, o benestar social, o emprego e o desenvolvemento económico ou a cultura e o deporte.
“Seguiremos traballando na defensa dos intereses veciñais, procurando unha xestión responsábel, transparente e dende a participación democrática, e facendo da política unha ferramenta útil para mellorar a vida das e dos ponteareáns”, conclúe o BNG.